VER MAPA WIKILOC
Xa mereciamos costa con vistas de mar e luz
baixo verso claro de Bernardino Graña. Tras paso obrigado polo Cruceiro de Hio,
magno labor de canteiros, arrimamos a Donón, con Caracola, Castro e Facho desde
o que se mira o mar e as ardentías do Atlántico na Península do Morrazo. Logo
perdémonos tan sen traza unha e outra vez por atallos soltos entre eucaliptos e
mañanciña fresca que nin o GPS lle puña remedio. Así e todo chegamos ata Punta
de Couso, coa súa praia recollida e a enseada de recendos piratas e alento heroico
de pura ría, para volvermos, algo cansos, iso si, ao chiringo de Donón, onde
repuxemos forzas e contamos contos. A tarde levounos por pista aberta ata a
Punta de Cabo Home, co seu teso faro e o fragor da maré abrindo furnas e
inspirando poemas fronte ás Illas Cíes. Logo seguimos cara á praia de Melide,
onde uns gozaron do frescor da auga e outros do sabor da cervexa e as vistas
desde un chiringo para a lembranza. Mesmo houbo tempo para admirar as carreiras
de Francisco. Ata que a morna tardiña que pola beira da ría nos achegou ata a
praia nudista de Barra foi tinguileando a súa luz entre dunas, piñeirais e
videiras esquecidas do seu argalleiro viño. Rematou esta xeira, de máis de 20 km pola Costa da Soavela, no Batel de Cangas, coas parroquias culés e merengues co pescozo revirado
pola Supercopa.
Puntos de interese: Cruceiro e Igrexa de Hío, Facho e castro de Donón, Punta de Couso, mirador de Donón, Cabo Home, Praia de Melide, vila de Cangas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.