VER RUTA EN WIKILOC
O concello de O Irixo estivo tristemente de actualidade hai cinco anos cando alguén tivo a pretensión de chantarlle á beira dos montes da Madanela unha incineradora de lixo. As protestas cidadás e outras circunstancias fixeron recuar aos promotores. Agora, o grande mal que padece este concello é a despoboación e o abandono. Como escenario desta realidade quedan as aldeas, as cales contan cunha arquitectura destacable arruinada ou arruinándose e a grandiosidade dos bosques e das montañas. No Testeiro e nas súas abas norte e leste aséntanse Froufe e A Espiñeira. A nosa ruta percorrerá estas parroquias cos seus bosques autóctonos, as ribeiras do río Viñas e o rego de Munín, as aldeas de Froufe, O Alén (abandonada), Subirol, Munín, O Covelo, Frixe e Surribas. Corredoiras antigas, camiños carreteiros, pistas forestais, carreiros, sendas silvestres e algo de campo través permitirannos gozar destes 11 quilómetros.
Esperamos que sexa un estupendo aperitivo para, a continuación, poder degustar o típico cocido da zona.
Saída: Estación de autobuses de Lalín
Hora: 8:45
Punto de encontro: Restaurante-cafetería La Robleda de Vilatuxe: 9:00 h.
Percorrido da ruta: 10,64 Kms.
Dificultade: media.
XANTAR: 14:30 horas no restaurante "A Estación" de Botos (Lalín). Menú: sopa de cocido, cocido con todas as carnes do porco, xarrete de tenreira, grelos e repolo, viño Ribeiro, postres, café. Prezo: 25 €
Todas estas imaxes están tomadas en rutas de cercanías feitas pola sección Érbedo-Deza e varias corresponden ás dúas sesións preparatorias desta mesma ruta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.