14/10/21

ESTATUTOS DO CLUB ÉRBEDO ANDAINAS

 

ESTATUTOS DO CLUB

 

ÉRBEDO ANDAINAS

 

 

CAPITULO I:

NORMAS XERAIS:

Artigo 1º.- O club Érbedo Andainas é unha  asociación  privada  con  personalidade  xurídica  e  capacidade  de  obrar,  integrada  por persoas físicas ou xurídicas, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar, con  domicilio na Comunidade Autónoma de Galiza, que ten como obxecto primordial o fomento e o impulso da práctica continuada dunha ou varias modalidades deportivas, así como a participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatario.

Artigo 2º.- O Club Érbedo Andainas practicará como principal modalidade deportiva a de sendeirismo, e solicitará a ratificación dos Estatutos e a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galiza, de conformidade coa Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galiza.

Artigo 3º.- O domicilio social do club Érbedo Andainas fíxase na rúa Enrique Vidal Abascal, nº 19 – 4º H C.P. 36500,  poboación  Lalín, Concello de Lalín, Provincia de Pontevedra Teléfono 616581025, e-mail erbedo1@gmail.com

O Presidente, cando as circunstancias o aconsellen, poderá acordar o cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, será necesario o acordo maioritario da Asemblea Xeral Extraordinaria.

En ámbolos casos, o traslado de domicilio social non implicará modificación estatutaria, e terá de ser notificado aos socios, e ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galiza.

 

CAPITULO II

CLASES DE SOCIOS, ADMISIÓN, DEREITOS E OBRIGAS

Artigo 4º.- O número de socios será ilimitado. A Asemblea Xeral poderá suspender, non obstante,  a admisión de novos socios cando así o esixan razóns de aforo ou capacidade física das instalacións ou actividades.

        Os socios poderán ser das seguintes clases: de número, honorarios, aspirantes e familiares.

Artigo 5º.- Son socios de número todas as persoas maiores de idade, que satisfagan a cota social establecida pola Asemblea Xeral.

Os menores de 18 anos clasificaranse como socios aspirantes, tendo dereito ao uso das instalacións e realización das actividades sociais mediante a cota que se fixe, e pasarán automaticamente a ser socios de número ao cumpriren a maioría de idade.

Serán socios honorarios aquelas persoas ás que a Asemblea Xeral confira esta distinción e terán un posto de preferencia nos actos oficiais da sociedade.

Son socios familiares todas aquelas persoas que dependan economicamente dun socio de número e convivan con el no mesmo domicilio.

Artigo 6º.-

1.- Os socios de número terán os seguintes dereitos:

a)          Contribuír ao cumprimento dos fins específicos do Club.

b)          Esixir que o Club se axuste ao disposto na normativa autonómica deportiva e ao establecido nos presentes Estatutos.

c)          Separarse libremente do Club.

d)          Coñecer as actividades do Club e examinar a súa documentación, previa petición razoada ao Presidente.

e)           Expor libremente as súas opinións no seo do Club.

f)            Ser elector e elixible para os órganos de representación e goberno do Club, sempre que teña plena capacidade de obrar.

2.- Son obrigacións dos socios de  número:

a)          Aboar as cotas que esixa a Asemblea Xeral.

b)    Contribuír ao sostemento e difusión do deporte ou modalidades Deportivas.

c)    Acatar cantas disposicións dite a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva ou Presidencia, para o bo goberno da sociedade.

3.- Os socios aspirantes terán dereito a aproveitarse dos servizos e instalacións sociais do Club.

4.- Os familiares dos socios de número terán dereito a aproveitarse daqueles servizos e instalacións que se determinen, previo pago da cota fixada.

Artigo 7º.- Para ser admitido como socio, en calquera das súas modalidades, será necesario:

·         Ter a idade sinalada para cada unha delas.

·         Solicitude por escrito dirixida á Presidencia.

·         Satisfacer a cota de ingreso correspondente.

Artigo 8º.- A condición de socio pérdese:

·         Por vontade propia.

·  Por falta de pago das cotas sociais durante tres meses consecutivos, previo requirimento de pago, e consecuente Resolución da Presidencia.

·         Por acordo da Presidencia no seu caso, fundado en faltas de carácter grave, previa audiencia da persoa interesada, que haberá de ser ratificado na primeira asemblea xeral que se celebre.

·         Por calquera outra causa establecida na lexislación vixente.

 

CAPITULO III

ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOBERNO

Artigo 9º.-

Son Órganos de representación e goberno do Club, a Asemblea Xeral e a Presidencia.

Artigo 10º.-

A Presidencia é o órgano executivo do Club, posúe a representación legal, convoca e preside os órganos de representación e goberno executando os acordos destes.

O cargo de Presidente é a título gratuíto e carente de interese nos resultados económicos da explotación, por si mesmo ou a través de persoa interposta.

Será elixido mediante sufraxio libre, directo, o igual e secreto por e entre os membros da Asemblea Xeral, cada 4 anos.

Artigo 11º.-

O Presidente cesará por:

a) Transcorrer o prazo polo que foi elixido.

b) Dimisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.

e) Inhabilitación por sentencia xudicial firme ou sanción deportiva.

Artigo 12º.-

1.- Como órgano complementario dos de goberno e representación haberá unha Xunta Directiva que actuará como órgano colexiado de xestión do Club, e exercerá as funcións que este estatuto lle confire.

2.- Os membros da Xunta Directiva serán designados e revocados libremente pola Presidencia, debendo dar conta diso na primeira Asemblea Xeral que se celebre. Da mesma formará parte un secretario e un tesoureiro. Todos os cargos serán gratuítos e carecen de interese nos resultados económicos do club por si mesmos ou persoa interposta.

Artigo 13º.-

1.- A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a concorrencia, polo menos, de tres dos seus membros, e, en todo caso da Presidencia.

2.- A Xunta Directiva convocarase pola Presidencia, con dous días de antelación como mínimo, á data de celebración.

A Xunta Directiva quedará tamén validamente constituída, cando estean presentes todos os seus membros, aínda que non houbera mediado convocatoria previa.

3.- En especial corresponde á Xunta Directiva:

a) Dirixir a xestión do Club, velando polo cumprimento do seu obxecto social.

b) Formular o inventario, memoria e presuposto anual, que se someterá a aprobación da Asemblea.

c) Aplicar todas as medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e desenvolvemento do deporte dentro do Club.

Artigo 14º.-

O Secretario da Xunta Directiva coidará do arquivo da documentación, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da Asociación e levará o Libro de rexistro de socios e o Libro de Actas.

Artigo 15º.-

1.- O Tesoureiro da Xunta Directiva será o depositario da Asociación, asinará os recibos, autorizará os pagos e levará os Libros de Contabilidade.

2.- Será obriga do Tesoureiro formalizar, durante o primeiro mes de cada ano, un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, que se porán en coñecemento de todos os asociados.

Artigo 16º.-

1.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo do goberno do Club e estará integrada por todos os seus socios de número.

2.- As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus asociados. En segunda e última convocatoria, media hora máis tarde, quedará constituída calquera que sexa o número de membros presentes. Entre a data de convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terán de mediar, como mínimo, dez días naturais e non poderán transcorrer máis de vinte.

Artigo 17º.-

A Asemblea Xeral convocarase pola Presidencia a iniciativa propia ou do vinte e cinco por cento, ao menos, dos socios de número.

1.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario, previa convocatoria do Presidente, polo menos unha vez ao ano para tratar as seguintes cuestións:

a)       Memoria, liquidación do presuposto, balance do exercicio, rendición de contas e aprobación se procede.

b)                  Presuposto para o seguinte exercicio.

c)                  Proxecto e propostas da Presidencia ou da Xunta Directiva.

d)       Proposicións que formulen os socios e que terán de ir asinadas polo menos, polo cinco por cento dos mesmos.

2.- Terá que se celebrar Asemblea Xeral extraordinaria para a modificación de Estatutos, elección da Presidencia, toma de cartos a préstamo, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, alleamento de bens inmobles e fixación de cotas dos socios, e calquera outro acordo previsto nestes estatutos ou que se estime oportuno pola Presidencia ou proceda legalmente.

Artigo 18º.-

Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos presentes, requiríndose unha maioría cualificada e un quórum determinado de asistencia para aqueles asuntos que establezan os estatutos. Serán vinculantes e de obrigado cumprimento e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, sen prexuízo, por razón da materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes.

 

CAPITULO IV

RÉXIME DOCUMENTAL

Artigo 19º.-

O réxime documental do Club, constará dos seguintes libros: Rexistro de Socios, de Actas e Contables.

Artigo 20º.-

No libro de Rexistro de Socios, terán de constar os nomes e apelidos dos socios de número, o seu Documento Nacional de Identidade e, no seu caso, os cargos de representación, goberno e administración que exerzan no Club. Tamén se especificarán as datas de altas e baixas e as de toma de posesión e cese nos cargos aludidos.

Artigo 21º.-

No libro de Actas, consignaranse as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta  Directiva, con expresión da data, asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As Actas terán que estar asinadas, en todo caso, polo Presidente e mais o Secretario.

Artigo 22º.-

Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigacións, e ingresos e gastos do Club, debéndose precisar a procedencia daqueles e a inversión ou destino destes.

 

CAPITULO V

RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 23º.-

Os órganos e socios do Club estarán sometidos ao regulamento disciplinario do Club e ao disposto no Título VII da Lei 3/2012, do Deporte de Galiza, e a súa normativa de  desenvolvemento.

Artigo 24º.-

Así mesmo a Presidencia e os membros da Xunta Directiva responderán fronte os socios, o Club ou terceiros dos prexuízos que ocasionaren por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia do Club e o Ordenamento Xurídico vixente.

 

CAPITULO VI

RÉXIME ECONÓMICO-FINANCEIRO E  PATRIMONIAL

Artigo 25º.-

1.      No momento da creación do Club deportivo, o patrimonio fundacional é:  Inexistente e non dispón de instalacións nin locais propios.

2.      No futuro o patrimonio do Club estará integrado por:

a)      As achegas económicas dos socios, que aprobe a Asemblea Xeral.

b)              As doazóns e subvencións que reciba.

c)          Os resultados económicos que pode producir as manifestacións físico-deportivas que organice a entidade.

d)             As rendas, froitos e intereses do seu patrimonio.

Queda expresamente excluído como fin do Club o ánimo de lucro.

A totalidade dos seus ingresos e beneficios aplicaranse ao cumprimento dos seus fins sociais.

Artigo 26º.-

O Club poderá gravar e allear bens, mobles e inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que cumpra os seguintes requisitos:

1.-Que se autoricen tais operacións por maioría de dous terzos dos socios presentes ou representados na Asemblea Xeral Extraordinaria.

2.-Que ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou a actividade físico-deportiva que constitúa o seu obxecto social. Para a adecuada xustificación deste extremo poderase esixir, sempre que o soliciten como mínimo o cinco por cento dos socios de número, o oportuno ditame económico- actuarial.

3.-Cando se trate de gravar ou allear bens, mobles e inmobles que foran financiados en todo ou parte, con Fondos Públicos da Comunidade Autónoma será preceptiva a autorización previa do órgano competente da Xunta de Galiza.

Artigo 27º.-

O Club poderá emitir títulos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, que serán nominativos.

Os títulos inscribiranse nun libro que levará ao efecto o Club, no que se anotarán as sucesivas transferencias.

En todos os títulos constará o valor nominal, a data de emisión, e, no seu caso, o interese e  prazo de amortización.

Artigo 28º.-

Os títulos de débeda só se poderán subscribir polos asociados, e a súa posesión non conferirá dereito algún especial aos socios, agás a percepción dos intereses establecidos conforme á lexislación vixente.

Artigo 29º.-

Os títulos de parte alícuota patrimonial han ser asemade, subscritos polos asociados. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios.

Artigo 30º.-

Os títulos de débeda e parte alícuota patrimonial serán transferidos unicamente entre os que teñan a condición de socios.

 

CAPITULO VII

REFORMA DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO CLUB

Artigo 31º.-

Os presentes Estatutos só se poderán modificar, reformar ou derrogar, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous terzos dos socios de número asistentes.

A reforma destes estatutos seguirá, con respecto ao Rexistro Entidades Deportivas de Galiza, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición.

Artigo 32º.-

O Club extinguirase ou disolverase:

a) Por acordo de os dous terzos dos socios en Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto.

b) Por sentencia xudicial.

c) Por outras causas legalmente determinadas.

En todo caso haberá de ser notificado ao Rexistro de Entidades Deportivas.

Artigo 33º.-

Unha vez disolto o Club, o remanente do seu patrimonio social, se houbera, aplicarase a fins análogos de carácter deportivo ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente polo órgano competente en materia de deporte da Xunta de Galiza.

1 comentario:

  1. Thank you for sharing such a wonderful article! It was great spending some good time reading this blog. And also I would like to share some interesting concepts of German education in Study in Germany

    ResponderEliminar

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.