22/12/12

RUTA CARBOEIRO - FERVENZA DO TOXA - POBOADO MINEIRO DE FONTAO

VER RUTA EN WIKILOC

Ruta Carboeiro-Fervenza do Toxa-Minas do Fontao

O domingo 22 de decembro do 2012, en mañá solleira e de fresco inicial moi propicio para a marcha, arrexuntámonos oito ofrecidos para cumprir cunha ruta circular matinal que curase o suposto “mono”. Partindo da fermosa paisaxe do mosteiro de Carboeiro, atravesamos o río Deza pola ponte romana e percorremos vellas e outonizas corredoiras entre o misterio da mera e o frescor da nova estación, para chegar axiña á área recreativa da Carixa, en Merza. Café ao canto nesta poboación e, deseguido, camiño aberto ata o quebrado, salvaxe e, así a todo, moi achegado sendeiro que se inicia na ponte de peóns onde conflúen os ríos Toxa e Deza e que nos conduciu ata a espectacular fervenza do Toxa. Enchoupados, non só polo fragor da auga, tamén polas cores máis vivas e os rumores mais naturais, desandamos os pasos ata Merza e, xa co sol de compañeiro, camiñamos ata o rehabilitado poboado mineiro de Fontao, cun pasado que nin sequera un Museo da Minaría máis heroica do volframio pode resucitar. Ao cabo, pola vella corredoira de lousa e follaxe, regresamos a Carboeiro se acaso máis conscientes de que hai tesouros que latexan á mesma beira de onde vivimos e que cómpre non descoidar.

10/11/12

RUTA POLO COUREL

VER RUTA EN WIKILOC  

O sábado 8 de decembro do 2012, despois de dous aprazamentos polo mal tempo, o que reduciu o grupo á metade dos inicialmente previstos, aló marchamos 12 atrevidos cara a unha zona ignota do Courel escollida por Manolo Busto e que nos levaría polas beiras agrestes do Lor na ruta circular que se incia en Froxán, pasa por Vilar, Valdomir e Vilamor, e regresa á primeira aldea, declarada Ben de Interese Cultural e na que precisamente ese día, entre gaitas a aturuxos, se celebraba a Festa da Pisa da Castaña do Courel.
Non haberá necesidade de describir a riqueza que esta contorna posúe, amósano a beleza das fotos e ese saibo a natureza en estado puro da que nos impregnamos cantos por alí nos perdemos, porque  a ruta inicial, denominada da Vitoreira e que nos levaría de Froxán a Vilar polo outro lado do río, tivo o seu aquel de aventura e confirmación de que non hai mellor recordo que unha boa perda polo lado salvaxe, por moito que, ao cabo, as novas tecnoloxías nos advertisen que o camiño estaba a escasos metros.
A ruta completa, de 17 km, que xogaba coas subidas e baixadas das ladeiras de vales acougados polo cálido sol do inverno ou entregados aos sombríos rigores da friaxe, constituíu unha magnifica proba de esforzo e, ao tempo, mergullo na vella esencia do país, con regatos e fervenzas que mil corredoiras pretenden atravesar sen saber ben onde darán. Así mesmo, a diversidade da flora, na que colaboran as diferenzas de case mil metros entre os cumes e as zonas baixas da ribeira do Lor, eleva o numero de especies a tesouro botánico, pois alí atopamos faias, bidueiros, carballos, abeleiras, teixos, acivros, érbedos e, incluso, aciñeiras e sobreiras, xunto cunha innomeábel flora menor. Pero quizais sexa a impresión de poderío que provocan os enormes soutos, coas follas do rei castiñeiro no chan e tinguindo a paisaxe desa cor tan especial, o máis rechamante e que deixa pegada na retina. 
E logo está, noutra escala e suxeito ao poder do duro medio, o atractivo do tecer humano, que se amosa tanto na arquitectura propia da zona, onde conviven en harmonía pedra, lousa e madeira, como no abandono de sequeiros, castros (como o de Vilar), casas, capelas, pontellas e variadísimas congostras.
Así a todo, desde un restaurado Froxán, pasando por un Vilar sostido pola incríbel man do sheriff Xan e un estragado Valdomir, ata un estratéxico e con moito potencial turístico Vilamor, esta achega ao Courel foi, simplemente, espectacular. E se por riba lle engadimos o ramo da cea na Cantina de Julia, en Salcedo (que lembraremos non só polo suculento xabarín con setas que Chelo, a xefa, nos preparou, ou polo licor de arandos que nos ofreceu, tamén pola súa afabilidade), a ruta permitiunos gozar doutra inesquecíbel xornada de camaradería que, como non, xustifica aos “bustonianos” no seu afán polo extravío.
Manolo, NIN SE CHE PASE POLA CABEZA MERCAR UN GPS!!!


VÍDEOS:
O Courel agarda
A ruta Froxán, Vilar, Vilamor
Aldea de Vilamor
Sorprendente Mostra de Artesanía en Vilamor
Souto de Vilamor
Fervenza do Rexiu
Froxán e a festa da Pisa
Extensa e impresionante reportaxe gráfica sobre Froxán
O museo etnográfico de Vilar
Xan de Vilar, o pai do museo, é un verdadeiro caixón de sorpresas


29/10/12

RUTA POLO VAL DO SILENCIO

VER RUTA EN WIKILOC

 
Despois de varios anos de rutas de un día, queriamos probar facendo noite fóra. A ocasión chegou coa degoxada Ruta do Val do Silencio, aló polo Bierzo, o sábado 27 e domingo 28, xusto no cambio de hora de Outubro.
Saíndo cedo de Lalín, parando ao pan en Antas e ao café en Ponferrada, despois de deixar ceibos a Antonio e Francisco, trece expedicionarios penetramos pola intricada estrada que segue o curso do río Oza e, para iniciar a denominada Ruta Circular da Tebaida Berciana, chegamos a Montes de Valdueza (930 m de altitude). Nesta aldea decadente, con ruinoso mosteiro de San Pedro de Montes (s.IX) que non puidemos visitar por estar en longa fase de rehabiliación, collemos camiño de ascenso entre soutos ata chegar ao Castro Rupiano (1.090 m), antigo asentamento ástur e romano coa lenda da Sierpe da que san Fructuoso liberou aos poboadores do val. Entre vizosa vexetación, e seguindo un canal romano que leva auga ás Médulas, cruzamos o agreste regato de Pico Tuerto, ao lado da paraxe das Furnias. Ascenso duro polas abas de Chano Collado e parada de repostaxe co Val do Silencio aos pés. A seguir, sempre cun marco de alta montaña, gozamos da cromática vista de Peñalba de Santiago e arredores, xunto coas impresionantes moles rochosas do Pico Cueto e o Pico da Cruz, os dous por riba dos 2000 metros. Axiña baixamos pola carballeira da Torrecilla e polos prados de San Andrés, pasamos o regato do Silencio e desviámonos para visitar a concorrida cova de San Genadio, na que o relixioso se recolleu alá polo século X e Manolo Busto se atreveu co agasallo dun apropiado gregoriano. Volvemos sobre os nosos pasos e, despois do regato da Friguera, entramos en Peñalba de Santiago, xa a 1105 m de altitude.
O pobo medieval, con igrexa mozárabe na que San Genadio fundou o mosteiro de Peñalba,  mereceu a nosa atención por ser unha excepcional mostra de rehabilitación da arquitectura tradicional, con fachadas en pedra, balcóns de madeira e teitos de lousa, ademais de rúas empedradas e recunchos sen desperdicio e magnificamente recuperados. Pero faltaba a vida de aldea, os rapaces xogando, as angueiras das xentes... Se quitas aos turistas ocasionais que, coma nós, visitan ou xantan nas súas tascas, o abandono destas marabillas do rural non fai outra que entristecer. 
Pola tarde, xa con présa, tomamos a senda antiga que pasa pola paraxe da Previsa e as ruínas das cabanas da Ermida dos Currais de San Mateo, para baixar longo e tendido por unha parte de monte arrasada polo lume, ese andazo, ata a Ferraría de Montes do río Oza, hoxe abandonada. E veu a derradeira subida, por un Camiño Real que, entre breixos e carballos e coa impresionante vista de todo o frondoso Val do Silencio, nos levou ata Montes de Valdueza, onde deixaramos os coches.
As friaxes da noite e a cea pasámolas no hostal El Palacio, en Molinaseca, despois dunha rápida visita e un ledo viño no bar Pepe.
En mañá de domingo fría e solleira: paseo polas rúas da vila, almorzo colectivo, achega e estirada de pernas polos arredores do impresionante castelo Templario de Ponferrada e estrada das Médulas, onde nos agardaban para unha visita guiada á magna explotación aurífera dos romanos. A ruta da Senda das Valiñas (co suplicio das explicacións na xélida sombra) tivo de todo, pero de certo que saímos de alí con máis coñecementos dos que levabamos. Seguramente por iso, xa no miradoiro de Orellán, entendemos que aquela postal de monte raro que divisamos representa algo máis que un simple antollo da natureza.
Apurados e pola estrada vella, entre montes queimados neste mesmo verán, regresamos a Galiza. Cun competente xantar no restaurante “El Buen Vivir” (por aquí somos así) do Barco de Valdeorras rematamos unha xeira diferente que argallou Bea e da que nos queda un bo sabor de boca. Cumprirá recuncar de cando en vez. Ou que?

Lugares de interese:  Val do Silencio, Tebaida Berciana, Montes Aquilianos, Montes de Valdueza, Peñalba de Santiago, mosteiro de S. Pedro de Montes, Molinaseca.
Peñalba de Santiago (vistas panorámicas)   Mosteiro San Pedro de Montes (vistas panorámicas)

22/10/12

RUTA PARADA DE LABIOTE - FROUFE - COTO SURRIBAS

VER RUTA EN WIKILOC
  O domingo 21 de outubro Galicia espertaba para unha xornada electoral autonómica. E tratándose de eleccións a nosa primeira opción foi soñar camiños que a mañá vestía de brétema e reservar a emisión do voto en urna para a tarde. Despois do vivido coincidimos en que a xeira foi amplamente satisfactoria. Esta nosa terra posúe beleza e paisaxes de excelencia en todas as xeografías, aldeas que conxugan unha arquitectura funcional e sabia cun éxodo que as deixa exánimes. Camiñar por estas terras de O Irixo, por fragas e penedíos, adentrarse nas ruelas e canellas das aldeas, aspirar a limpeza da mañá, consumir o outono en raiolas de ouro é sempre unha experiencia feliz e recomendable. Así pensamos a media ducia de erbedeiros que aquel día nos congregamos en Parada de Labiote.

19/09/12

RUTA TORRENTES RÍO ULLA E PAMBRE

VER RUTA EN WIKILOC

               O sábado 29 de setembro do 2012 congregámonos unha requitropa de trinta e tantos (ao Érbedo engadíuselle esta vez un grupo de amigos doutros lares) para gozar doutra achega ruteira de Xosé Manuel García á beira dos ríos Ulla e o seu afluente, o Tambre, que fenden a zona central dos concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla e Agolada. Entre charleta animada e a bo paso, fixemos camiño de mañá á beira do río ata chegar ao cafetiño no balneario Río Pambre, preto da aldea de Sambreixo, para  proseguir coa vista do pazo de Vilamaior e das edificacións fidalgas da comarca da Ulloa. Logo, visita guiada ao impresionante (e deprimente, polo estado do noso patrimonio) castelo de Pambre, con recendos históricos e literarios. Xantar ás súas portas e camiño de sesta entre aldeas decrépitas e montes abertos para dar co esquecido Balneario de Frádegas e o muíño do lado (novas mostras de abandono). Deixamos para o remate as espectaculares Torrentes de Mácara, un tramo do Ulla cheo de fervenzas, pozas e rápidos onde a creatividade da auga se mestura co esplendor da flora para conxuntar un inigualábel cadro de natureza en estado puro, tan salvaxe e noso. A seguir, xa en plan levadeiro, cervexa e repouso na casa dos Somoza e visita á aldea de Leboreiro, no camiño de Santiago, con representativa igrexa e ponte. No remate, paseo monumental e cea na casa Garnacha, con ese polbo tan de Melide que completou outra xornada para a lembranza.
Lugares de interese: torrentes de Mácara, balneario de Frádegas, alto Ulla, castelo de Pambre, pazo da Ulloa, Leboreiro (igrexa, ponte...), museo da Terra de Melide e casco vello.

30/08/12

RUTA DA COSTA DA VELA

VER MAPA WIKILOC

Xa mereciamos costa con vistas de mar e luz baixo verso claro de Bernardino Graña. Tras paso obrigado polo Cruceiro de Hio, magno labor de canteiros, arrimamos a Donón, con Caracola, Castro e Facho desde o que se mira o mar e as ardentías do Atlántico na Península do Morrazo. Logo perdémonos tan sen traza unha e outra vez por atallos soltos entre eucaliptos e mañanciña fresca que nin o GPS lle puña remedio. Así e todo chegamos ata Punta de Couso, coa súa praia recollida e a enseada de recendos piratas e alento heroico de pura ría, para volvermos, algo cansos, iso si, ao chiringo de Donón, onde repuxemos forzas e contamos contos. A tarde levounos por pista aberta ata a Punta de Cabo Home, co seu teso faro e o fragor da maré abrindo furnas e inspirando poemas fronte ás Illas Cíes. Logo seguimos cara á praia de Melide, onde uns gozaron do frescor da auga e outros do sabor da cervexa e as vistas desde un chiringo para a lembranza. Mesmo houbo tempo para admirar as carreiras de Francisco. Ata que a morna tardiña que pola beira da ría nos achegou ata a praia nudista de Barra foi tinguileando a súa luz entre dunas, piñeirais e videiras esquecidas do seu argalleiro viño. Rematou esta xeira, de máis de 20 km pola Costa da Soavela, no Batel de Cangas, coas parroquias culés e merengues co pescozo revirado pola Supercopa.

Puntos de interese: Cruceiro e Igrexa de Hío, Facho e castro de Donón, Punta de Couso, mirador de Donón, Cabo Home, Praia de Melide, vila de Cangas.

03/08/12

RUTA ANCARES 2012

VER MAPA WIKILOC
Abría agosto e, por tradición e devezo, alá nos xuntamos 32 sendeiristas no café da Fonte da Salud para subir aos Ancares. Tocaba o pico Mustallar, con Pepe e Manuel como organizadores tecnoloxizados e contando coa inestimábel colaboración de Manuel Busto na proposta circular e variada. Nunha mañá solleira e acompañados de can cicerone, trala visita á Palloza Museo para aqueles que non recuncaban, comezamos a andar en Piornedo. Así, ensumidos polo verdor dos prados e da natureza máis viva, con cabalos e vacas de mirada estrañada e apuro o xusto, transitamos por campas de augas puras e brañas perpetuas. E axiña, a grande subida. Como para non levala a modo. Ata chegarmos ao agarimoso xantar no mesmo cumio do Mustallar (1924 m.), entre Galiza e o noso País Leonés. Á vista os tesos cumes, a montaña pura, pracer único para os sentidos máis confusos.  A segunda parte da ruta perdíase por baixadas ao xeito e paraxes de abas ignotas e fronde salvaxe, con carreiros entre fentos e sombras consoladoras, que paso a paso e con parola ceiba nos foron achegando á aldea de Vilarello de Donís, para rematar entre o son das gaitas e una cervexa fresca no mesmo Piornedo. Pero aínda quedaba ese intre de ramo e leria: a troitada en Navia á beira do río. Se esta foi a cuarta, que ninguén o dubide: non hai quinta mala. 

18/06/12

RUTA DA SERRA DA MARTIÑÁ

VER MAPA WIKILOC

En domingo e sen outro anceio que gozar dos tesouros máis achegados, collemos coche e, vía Rodeiro, serpeamos pola estrada que acariña as abas do Faro para presentarnos no mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira, na parroquia do mesmo nome que pertence ao concello de San Cristovo de Cea. O nome xa fala de pan, aínda que esa vez foi a bica no bar Escudo quen acompañou o café primeiro. Ambiente deportivo xusto ao iniciar a ruta polas beiras do regato, entre o trollo de antigas corredoiras estragadas por falta de uso e o sol asomando pola orballada fronde. Deixando de lado a aldea de Covelo, abandonada, procuramos estreitas vereas asaltadas pola ramaxe para, entre soutos e carballeiras, ascender ata a aldea de Trabazos. A seguir, sempre en costa, enfiamos cara á Serra da Martiñá, onde a vexetación xa se encolle con fentos, codesos, xestas e toxeiras, e as pedras de antolladizas formas marcan a rexa paisaxe. No cume de Pena Veidosa (ou Ventosa) e tirando a vista ao lonxe, país. Sen demora, descenso por pistas con pedras e sucos das arroiadas do ballón para chegar á aldea de Pieles, pedra pura, con ancestrais corredoiras estradas de folla e tinguidas polo verdello máis esquecido. Desde alí, á beira do río Pieles e por pontellas e pasadeiras, procuramos saída entre natureza exuberante e recendos balsámicos, ata que, agarimados pola auga da fonte do lugar de Río e as muras esborralladas que tan adrede encamiñan, atravesamos San Martiño para caer de novo na magna obra do mosteiro. Mañá perfecta de 15 bustonianos quilómetros para gozar do que temos moi preto. Logo, uns para a casa e outros ao xantar colectivo.

16/05/12

RUTA DO CANÓN DO RÍO MAO (PARADA DO SIL, OURENSE)

VER MAPA WIKILOC


En mañanciña de fresca néboa e tras café primeirizo, como manda a norma, de inicio rendemos visita á ponte románica de Vilariño Frío. O nome invita e as palabras ben arrexuntadas sempre axudan ao camiño. Logo, tras deixarmos os coches onda a igrexa e o cruceiro da aldea de Forcas, iniciamos ruta baixando cara á fenda que provoca o río Mao ao pousar as súas augas bravas na mansedume do amo e señor Sil. E non nos quedou por ver a ponte románica de Couceliñas nin as ruínas dos vellos muíños, moito menos os modernos caneiros cheos de auga ou a abandonada fábrica de luz, tampouco a necrópole de San Vítor, coas súas tumbas antropomórficas escavadas na rocha. Pero máis ca nada sentímonos ensumidos por un inusitado fragor, o da esplendorosa natureza que, moi a pesar do estrago que os humanos lle provocamos, este país conserva. Vizosa e de variadísimos verdes, engado. Xa con día aberto e fogaxe de Ribeira Sacra, xantamos na hospitalaria aldea de San Lourenzo (ai, ese Mencía saboroso ou ese licor café caseiro!). A seguir, guiados polo saber da terra, baixamos entre viñedos ribeiraos e frescas sombras ata dar coas pasadeiras de madeira que asoman ao canón (os Balcóns do Río Mao) e que nos levaron cara á aldea que mira como se xuntan as augas: Barxacova. Con vistas á sonada Ribeira de Amandi do outro lado, a tarde virou a afogo e a costa arriba deveu en folguexante paixón. Amodiño e bebendo nas fontes, alcanzamos de novo San Lourenzo. Trala pausa, o derradeiro tramo, con sombras e cervexa con voluptuosos calendarios na tasca da Senra, achegounos aos coches. Unha auguiña no lavadoiro de Forcas e a pasear por Castro Caldelas, sen castelo pero coa ledicia no corpo e na cea, tras unha verdadeira descuberta preparada por Manolo Busto. 

06/04/12

RUTA MONTE COCO E O AMEIXEDO (LALÍN)

VER MAPA WIKILOC

Venres Santo, 6 de abril de 2012, nunha mañá gris e fría, partimos cara os montes do Testeiro e iniciamos a ruta nun alto que hai entre Zobra e a Trigueira. Desde alí en suave descenso acadamos a pequena aldea de A Trigueira (topónimo que fala de cultivos de trigo) con pasado mineiro. Encontro co río Deza e a ponte dos Medos, paso de outeiro e cambio ao rego Porto que salvamos pola pontella dos Malvaredos, minas tapiadas, alvarizas pétreas gorentadas antano polo temible oso. Ascenso ao Coco e sorpresiva casa na soidade, ruinosa e abandonada, lonxe de todo, loitando inerme contra os temporais. Alí especulamos co seu pasado mineiro. Unha neviscada recibiunos ao acadar o cumio e aproveitamos o refuxio. Descenso cara o Ameixedo, de natureza exuberante, aldea término. Devesa vizosa e corredoira antiga cara a Porto Martín, onde voltamos a cruzar o Deza por unha fermosa pontella de madeira que se estriba sobre un carballo da Ribeira. Estupenda mañá de sendeirismo e particular viacrucis (ou "viapontis").

18/03/12

RUTA PENA CORNEIRA

VER RUTA WIKILOC
O sábado 17 de marzo do 2012, nun día un tanto desapracíbel, executamos unha interesantísima proposta de Xosé Manuel polas terras do Ribeiro, culminada coa subida a Pena Corneira. A ruta, de máis de 25 km, levounos polos concellos de Leiro e Boborás e combinou historia, arte, deporte e moita natureza. E todo aquí ao lado ou, coma quen di, na porta da casa.
Logo da xuntanza no mosteiro de San Clodio, reconvertido en hotel-monumento, onde albiscamos as primeiras mostras do bo facer dos canteiros do Avia, subimos en coche a Lebosende para iniciar a camiñada. As pintas da mañá xa avisaban de que non ía ser doado convivir co ceo, así que, entre choviscas e corredorias orballadas, abeirados polo andazo das acacias que van implacabelmente conquistando as ribeiras dos montes e sepultando as aldeas abandonadas, achegámonos ata Pazos de Arenteiro, coa súa rexa pedra nobiliaria ornada de brasón, coa súa magnífica igrexa, co seu pasado esplendoroso e o seu presente recuperador pola puxanza dos bacelos do Ribeiro. A seguir e desde a ponte de Pazos, un paseo pola beira do río ata o Pozo dos Fumes, sempre metidos na fraga do Arenteiro, para regresar ata os restos da ponte da Cruz. E a partir de aí, a costa de tiralledoaire, co agasallo da choiva e algunha que outra perda que nos levaría, vía cruceiro e igrexa románica da aldea de Serantes, ata un ceibo e desacougado xantar entre o conxunto de canastros de Paredes.
O serán enfiámolo coa meta de Pena Corneira, ese maxestoso e ergueito corno de pedra chantado sobre pelouros e que domina o val do Avia. Pero se el ten a sona, conveñamos que o impresionante parque de bolos, penedos, paredes, pías e antolladizas forzas erosivas merece a pena ser visitado, pois non só loce o seu máis xenuíno arte natural de media montaña, senón que aparece adubado cunha cuberta vexetal autóctona e moi protexida que non ten o menor desperdicio. E se por riba lle engadimos a igrexa de santa María de Lamas, o Mirador e a procura do intricado sendeiro da Pena Corneira  (alí onde os “bustonianos” quixeron rematar co GPS), a xornada xa tirou a completa. Quedaba o regreso, apurado e entre pingueiras, e logo si, n´A Maquía  de Carballiño, unha desas ceas onde entre chanzas e camaradería, paseniñamente, estas batallas se van enchendo de épica.

22/01/12

RUTA DA AUGA. BAAMONDE - GUITIRIZ

VER RUTA WIKILOC 
O sábado 28 de xaneiro do 2012, en mañá de inverno frío pero solleiro, xuntámonos 16 sendeiristas convocados por Manolo Busto para percorrer as longas chairas sucadas polas augas mansas dos ríos da Terra Cha, a denominada Ruta da Auga. O traxecto vai desde Baamonde ata Guitiriz, pasando pola vila de Parga, aínda que esta vez a principal novidade consistiu en coller un autobús que nos levou de Guitiriz a Baamonde, para, desde alí e polas ribeiras dos ríos Parga e Ladroil, regresar onde deixaramos os coches.
Coas raiolas do sol desfacendo paseniño a xeada, rendemos visita á casa-museo de Víctor Corral, artista chairego que nos amosou un chisco da súa obra e falou das inquedanzas e sentir doutro ser posuído pola emoción creativa. A seguir, camiño. Á beira dos dous ríos mencionados e durante máis de 20 quilómetros sen subidas nin baixadas, camiñamos ao xeito desde a ponte de Santo Alberto, preto de Baamonde, ata a Carballeira de Pardiñas, xa por Guitiriz. Sempre á contra das augas quedas, remansadas e sen apuros, mesturadas coa paisaxe da beiras dos dous ríos, gozamos da mañá e da parola atravesando pontes e pontellas (Santo Alberte, Pitero, Parga, Ferreira...), vendo innúmeras pasaxes e pasadeiras, muíños de auga restaurados (Parga e Ferreira), áreas de lecer (Sete Muíños e Valdobín), restos dun castelo (Parga, coa única subidiña da xornada), pendellos de feira (Parga), fontes (Santo Alberte, Sete Muíños, da Fala, Valdobín, Santo Domingo e San Xoán de Lagostelle ), e incluso un balneario e os restos dunha mezquita (Guitiriz). 
Culminou a espectacular xeira un paseo con viño pola monumental zona vella de Lugo e as lerias dunha opípara cea a pé mesmo da Muralla.