O sábado 28 de xaneiro do 2012, en mañá de inverno frío pero solleiro, xuntámonos 16 sendeiristas convocados por Manolo Busto para percorrer as longas chairas sucadas polas augas mansas dos ríos da Terra Cha, a denominada Ruta da Auga. O traxecto vai desde Baamonde ata Guitiriz, pasando pola vila de Parga, aínda que esta vez a principal novidade consistiu en coller un autobús que nos levou de Guitiriz a Baamonde, para, desde alí e polas ribeiras dos ríos Parga e Ladroil, regresar onde deixaramos os coches.
Coas
raiolas do sol desfacendo paseniño a xeada, rendemos visita á casa-museo de
Víctor Corral, artista chairego que nos amosou un chisco da súa obra e falou das
inquedanzas e sentir doutro ser posuído pola emoción creativa. A seguir, camiño.
Á beira dos dous ríos mencionados e durante máis de 20 quilómetros sen subidas
nin baixadas, camiñamos ao xeito desde a ponte de Santo Alberto, preto de
Baamonde, ata a Carballeira de Pardiñas, xa por Guitiriz. Sempre
á contra das augas quedas, remansadas e sen apuros, mesturadas coa paisaxe da
beiras dos dous ríos, gozamos da mañá e da parola atravesando pontes e
pontellas (Santo Alberte, Pitero, Parga, Ferreira...), vendo innúmeras pasaxes
e pasadeiras, muíños de auga restaurados (Parga e Ferreira), áreas de lecer
(Sete Muíños e Valdobín), restos dun castelo (Parga, coa única subidiña da
xornada), pendellos de feira (Parga), fontes (Santo Alberte, Sete Muíños, da
Fala, Valdobín, Santo Domingo e San Xoán de Lagostelle ), e incluso un
balneario e os restos dunha mezquita (Guitiriz).
Culminou a espectacular xeira un paseo con viño pola monumental zona vella de Lugo e as lerias dunha opípara cea a pé mesmo da Muralla.
Culminou a espectacular xeira un paseo con viño pola monumental zona vella de Lugo e as lerias dunha opípara cea a pé mesmo da Muralla.