O sábado 17 de marzo do 2012, nun día un tanto desapracíbel, executamos unha interesantísima proposta de Xosé Manuel polas terras do Ribeiro, culminada coa subida a Pena Corneira. A ruta, de máis de 25 km, levounos polos concellos de Leiro e Boborás e combinou historia, arte, deporte e moita natureza. E todo aquí ao lado ou, coma quen di, na porta da casa.
Logo
da xuntanza no mosteiro de San Clodio, reconvertido en hotel-monumento, onde albiscamos
as primeiras mostras do bo facer dos canteiros do Avia, subimos en coche a
Lebosende para iniciar a camiñada. As pintas da mañá xa avisaban de que non ía
ser doado convivir co ceo, así que, entre choviscas e corredorias orballadas, abeirados
polo andazo das acacias que van implacabelmente conquistando as ribeiras dos
montes e sepultando as aldeas abandonadas, achegámonos ata Pazos de Arenteiro,
coa súa rexa pedra nobiliaria ornada de brasón, coa súa magnífica igrexa, co
seu pasado esplendoroso e o seu presente recuperador pola puxanza dos bacelos
do Ribeiro. A seguir e desde a ponte de Pazos, un paseo pola beira do río ata o
Pozo dos Fumes, sempre metidos na fraga do Arenteiro, para regresar ata os
restos da ponte da Cruz. E a partir de aí, a costa de tiralledoaire, co
agasallo da choiva e algunha que outra perda que nos levaría, vía cruceiro e
igrexa románica da aldea de Serantes, ata un ceibo e desacougado xantar entre o
conxunto de canastros de Paredes.
O serán enfiámolo coa meta
de Pena Corneira, ese maxestoso e ergueito corno de pedra chantado sobre
pelouros e que domina o val do Avia. Pero se el ten a sona, conveñamos que o impresionante
parque de bolos, penedos, paredes, pías e antolladizas forzas erosivas merece a
pena ser visitado, pois non só loce o seu máis xenuíno arte natural de media
montaña, senón que aparece adubado cunha cuberta vexetal autóctona e moi
protexida que non ten o menor desperdicio. E se por riba lle engadimos a igrexa
de santa María de Lamas, o Mirador e a procura do intricado sendeiro da Pena
Corneira (alí onde os “bustonianos” quixeron
rematar co GPS), a xornada xa tirou a completa. Quedaba o regreso, apurado e
entre pingueiras, e logo si, n´A Maquía de
Carballiño, unha desas ceas onde entre chanzas e camaradería, paseniñamente, estas
batallas se van enchendo de épica.