ADVERTENCIA IMPORTANTE

Érbedo” é un grupo sendeirista non federado formado por amig@s que se xuntan libre e conscientemente para realizar rutas a pé. Polo tanto, ao non contar cun seguro colectivo, cada persoa que participa debe facerse responsábel da súa seguridade e de calquera contratempo ou accidente que poida acontecer. Por isto, recoméndase: 1.-Acudir ás rutas co equipamento adecuado. 2.-Contar cun seguro individual que cubra calquera continxencia non desexada.

06/04/12

RUTA MONTE COCO E O AMEIXEDO (LALÍN)

VER MAPA WIKILOC

Venres Santo, 6 de abril de 2012, nunha mañá gris e fría, partimos cara os montes do Testeiro e iniciamos a ruta nun alto que hai entre Zobra e a Trigueira. Desde alí en suave descenso acadamos a pequena aldea de A Trigueira (topónimo que fala de cultivos de trigo) con pasado mineiro. Encontro co río Deza e a ponte dos Medos, paso de outeiro e cambio ao rego Porto que salvamos pola pontella dos Malvaredos, minas tapiadas, alvarizas pétreas gorentadas antano polo temible oso. Ascenso ao Coco e sorpresiva casa na soidade, ruinosa e abandonada, lonxe de todo, loitando inerme contra os temporais. Alí especulamos co seu pasado mineiro. Unha neviscada recibiunos ao acadar o cumio e aproveitamos o refuxio. Descenso cara o Ameixedo, de natureza exuberante, aldea término. Devesa vizosa e corredoira antiga cara a Porto Martín, onde voltamos a cruzar o Deza por unha fermosa pontella de madeira que se estriba sobre un carballo da Ribeira. Estupenda mañá de sendeirismo e particular viacrucis (ou "viapontis").