16/05/12

RUTA DO CANÓN DO RÍO MAO (PARADA DO SIL, OURENSE)

VER MAPA WIKILOC


En mañanciña de fresca néboa e tras café primeirizo, como manda a norma, de inicio rendemos visita á ponte románica de Vilariño Frío. O nome invita e as palabras ben arrexuntadas sempre axudan ao camiño. Logo, tras deixarmos os coches onda a igrexa e o cruceiro da aldea de Forcas, iniciamos ruta baixando cara á fenda que provoca o río Mao ao pousar as súas augas bravas na mansedume do amo e señor Sil. E non nos quedou por ver a ponte románica de Couceliñas nin as ruínas dos vellos muíños, moito menos os modernos caneiros cheos de auga ou a abandonada fábrica de luz, tampouco a necrópole de San Vítor, coas súas tumbas antropomórficas escavadas na rocha. Pero máis ca nada sentímonos ensumidos por un inusitado fragor, o da esplendorosa natureza que, moi a pesar do estrago que os humanos lle provocamos, este país conserva. Vizosa e de variadísimos verdes, engado. Xa con día aberto e fogaxe de Ribeira Sacra, xantamos na hospitalaria aldea de San Lourenzo (ai, ese Mencía saboroso ou ese licor café caseiro!). A seguir, guiados polo saber da terra, baixamos entre viñedos ribeiraos e frescas sombras ata dar coas pasadeiras de madeira que asoman ao canón (os Balcóns do Río Mao) e que nos levaron cara á aldea que mira como se xuntan as augas: Barxacova. Con vistas á sonada Ribeira de Amandi do outro lado, a tarde virou a afogo e a costa arriba deveu en folguexante paixón. Amodiño e bebendo nas fontes, alcanzamos de novo San Lourenzo. Trala pausa, o derradeiro tramo, con sombras e cervexa con voluptuosos calendarios na tasca da Senra, achegounos aos coches. Unha auguiña no lavadoiro de Forcas e a pasear por Castro Caldelas, sen castelo pero coa ledicia no corpo e na cea, tras unha verdadeira descuberta preparada por Manolo Busto.