O sábado 29 de setembro do 2012 congregámonos unha requitropa de
trinta e tantos (ao Érbedo engadíuselle esta vez un grupo de amigos doutros
lares) para gozar doutra achega ruteira de Xosé Manuel García á
beira dos ríos Ulla e o seu afluente, o Tambre, que fenden a zona central dos
concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla e Agolada. Entre charleta animada e a
bo paso, fixemos camiño de mañá á beira do río ata chegar ao cafetiño no
balneario Río Pambre, preto da aldea de Sambreixo, para proseguir coa vista do pazo de Vilamaior e das
edificacións fidalgas da comarca da Ulloa. Logo, visita guiada ao
impresionante (e deprimente, polo estado do noso patrimonio) castelo de Pambre,
con recendos históricos e literarios. Xantar ás súas portas e camiño de sesta entre
aldeas decrépitas e montes abertos para dar co esquecido Balneario de Frádegas
e o muíño do lado (novas mostras de abandono). Deixamos para o remate as espectaculares
Torrentes de Mácara, un tramo do Ulla cheo de fervenzas, pozas e rápidos onde a
creatividade da auga se mestura co esplendor da flora para conxuntar un
inigualábel cadro de natureza en estado puro, tan salvaxe e noso. A seguir, xa en
plan levadeiro, cervexa e repouso na casa dos Somoza e visita á aldea de
Leboreiro, no camiño de Santiago, con representativa igrexa e ponte. No remate,
paseo monumental e cea na casa Garnacha, con ese polbo tan de Melide que
completou outra xornada para a lembranza.