21/12/13

CHEGAR A GROBAS ou COMO POÑERLLE O RAMO ao 2013

A toponimia non é unha ciencia exacta, pois trata de explicar a orixe e significado dos nomes de lugar. A derradeira ruta do 2013 do Érbedo explicou por si soa por que este treito de camiño e o regueiro entre O Ameixedo e Grobas lle chaman o "Malpaso". Cadaquén puido comprobar por si mesmo a esixencia e risco deste descenso. Sufrimos e gozamos desta paraxe de excelencia que beirea o río Grobas, tributario do Deza. Outra xornada memorable para o  extenso arquivo dos camiñantes do Érbedo. 
                         FELICES FESTAS e moi moi VENTUREIRO ANO!

17/12/13

RUTA BUSTELOS AMEIXEDO GROBAS

VER RUTA EN WIKILOC O fragor e a fermosura natural do que temos ao lado.
Sábado 21 de decembro de 2013 
En mañá fresca e gris, con Manolo Busto á fronte e nos vehículos particulares, fomos ata Bustelos (16 Kms), na serra do Candán. Desde aquí baixamos buscando a cunca do río Deza para remontar polo val do regato de Grobas. Atravesamos a pontella do Ameixedo sobre o Grobas e subimos pola inmensidade da fraga deica a aldea de O Ameixedo. Para irmos a Grobas seguimos o vello camiño, rozado recentemente polos intrépidos que capitaneou Paco Agulló armados de podos e ansia. Chegamos a duras penas ao rego do Malpaso (a perigosa baixada que nos levou a el serve de advertencia de que hai que ir sempre  moi preparados ás rutas) e de alí deica o miniparaíso de Grobas, esa aldea mítica e máxica que Forcarei abandonou no colo do Candán e que hai dous anos nos impresionou. Regresamos a Bustelos polo camiño de ferradura que patearon tantos ancestros na procura da civilización dezá.
Percorrido: 10,4 Kms. Dificultade: Media  (alta nun tramo complicadísimo de 500 m.)
Ruta  que despide a campaña 2013, tan prolífica e densa en  paisaxes e vivencias.
 Pontella sobre o arroio Gobas no camiño Bustelos - Ameixedo
Camiño calzado na subida desde o rego Grobas cara o Ameixedo

17/11/13

2 RUTAS na MONTAÑA OURENSÁ: Peña Trevinca e as 4 Lagoas


“Se a montaña non veu ao Érbedo, foi o Érbedo á montaña!!”
2 RUTAS nas que gozamos da ALTA MONTAÑA GALEGA (serras: Eixe e Calva)  
Conquistado o cumio máis alto da Galiza: Pena Trevinca



Sábado 30 novembro:
 “Ruta das 4 Lagoas” (17 km, en principio de dificultade media, en Wikiloc)  para ver as xeadas lagoas de Ocelo, Carrizais, Laceira e da Serpe, encoradas polas morreras glaciares do cuaternario, entre neve e friaxe. Sempre pola montaña (Serra Calva) e con algún que outro problemiña físico final que nos advertiu de que á montaña hai que ir sempre preparados




Vídeo ilustrativo da ruta do domingo 1 (Pena Trevinca) en Google Earth (You Tube)


Domingo1 decembro:

7.30: Diana ou Alborada. 
8.30: saída da “Ruta de Pena Trevinca”(27 km, dificultade alta, en Wikiloc), cumio da Galiza (2.127 m): pasamos polas minas alemás de volframio de Vilanova, ascendemos polo incríbel val do río Meladas, superamos o pico Malurocamiñamos polo Lombo Roncín entre refachos de vento frío e cun sendeiro nevado e perigoso, avanzamos polo cordal da serra vendo o Teixedal de Casaio, a Pena Negra e o mundo enteiro. Por fin, non sen esforzo, acadamos a empinada e ventada Pena Trevinca. Día perfecto de inverno para o sendeirista: sol e viruxe. Realmente espectacular esta paisaxe da Serra do Eixe e inefábel a sensación que provoca a experiencia de aventurarte polos 2.000 metros. 



18.00: Chegada de volta da ruta a Vilanova. Refrixerio e aseo no Trisquel.
20.30: Cea do Xabarín no camiño na Taberna de Julia, en Salcedo, Pobra de Brollón (preto de Monforte).


Consellos para sobrevivir na alta montaña (preme nas ligazóns): 
1.-roupa(tres capas), 2.-recomendacións.



16/11/13

FRAGA DE CATASÓS - VAL DO SEIXAS - LALÍN

32 participantes.Sábado, 16 de novembro. Circular.


Desta volta a proposta sendeirista de Xosé Manuel levounos ás orixes do Érbedo, no corazón do Deza, para coñecer algúns recunchos da comarca situados a cabalo dos concellos de Lalín e Dozón. A ruta, con fresco matinal e bo ambiente, partiu da Fraga de Catasós, tamén coñecida como Carballeira de Quiroga, cuxa contorna presenta unhas características botánicas de grande importancia, singularidade e beleza, tendo en conta que na súa maior parte constitúe un importante bosque mixto de carballo e castiñeiro. Logo deste apracíbel inicio, a ruta cruzou o principal afluente do Deza, o Asneiro, e, tras pasar o pozo Negro e subir a Puxallos, percorremos un anaquiño da Vía da Prata. Por camiños de vello e corredoiras enfiamos cara o val do río (ou rego) Seixas, parte del xa no veciño concello de Dozón, onde fixemos o xantar (cruceiro da igrexa de Sanguiñedo). Un agradábel paseo a carón deste río, nunha das paraxes máis fermosas da comarca dezá, encamiñounos pola Xesta de volta ao punto de partida.

Gozamos así dunha fermosísima e solleira andaina, que se viu, ademais, tapizada de follasca e das cores do outono e que nos amosou algunhas das 270 carballeiras inventariadas en Lalín, pequenos redutos de bosques caducifolios coma os que antes cubrían boa parte da xeografía galega.  Paisaxe e natureza ao cabo, co puntiño de esixencia que lle deron os  25 km e os dentes de serra do perfil.
Xa pola noite, visitamos o Pazo de Bendoiro (viño e tapeo ao canto) e rematámola coa pertinente cea no Hotel Palacio e mais "a monta do porco de Lalín"

 A Fraga de Catasós en V Televisión
 

10/11/13

RUTA POLO SOBREIRAL DO ARNEGO (SANTANDRÉ - TOIRIZ - PONTE BALSIÑA - A VULTUREIRA)



VER RUTA EN WIKILOC
Convocamos para o domingo 10 de novembro unha nova rutiña de adestramento que nos ocupará algo máis de media mañá.
Trátase dun percorrido polas ribeiras do Arnego, na zona sur do Sobreiral. Partiremos do lugar de Santandré (Carmoega), onde poderemos ver a aldea e a capela de Santa Lucía. Despois ascenderemos o Coto de Santandré ata Pena Grande (un excelente mirador natural sobre a engroba do Arnego e dos bosques de sobreiras). Aquí o camiño descende ata a parroquia de Toiriz, polas aldeas de Barrio e Foxacos. Buscaremos o paso do río pola ponte Balsiña (na foto da esquerda) e miraremos os muíños de Navaza de prolífica e curiosa historia.
Voltaremos ao concello de Agolada pola parroquia de Brántega e ascenderemos ao coto da Vultureira (topónimo que alude a presenza de voitres no pasado-vultus latino-). Polo lugar da Pontevella e o Porto acadaremos a meta, sempre co Arnego como inseparable compañeiro.
Un percorrido de 12 Kms. por esta zona protexida na Rede Natura 2000, cualificación LIC e distinción ZEPA.
Sairemos da Estación de Autobuses de Lalín ás 8:45 horas en coche ata Carmoega.

27/10/13

Saída dominical: Penadauga-Férveda (8 km)

RUTIÑA DE ADESTRAMENTO
Domingo 27 de outubro, partindo da Estación de Lalín (ou da Penadauga, Silleda).
Nesta agradábel mañá de domingo mandámoslle un paseíño de 9.00 a 12.00 polo concello  de Silleda.   Dispostos a gozar do día e adestrar para o día 2 (Deza) e 30 e 1 (Pena Trevinca) xuntámonos na Penadauga, parroquia de Escuadro, Manolo Ferreiro, Loli e Sara (que mesmo se desprazaron desde a costa); Ana e SuhailLuís Jar, Domingo, Manolo Busto, Bea e Xabier

Foron 8 km, fáciliños e pola natureza máis nosa.
Onde estivemos? Na pedra milagreira de Santa Isabel (Penadauga), para curar problemas de lombo e de pel (pola auga da charca en forma de cabeza que hai no seu cimo e na que se lavan os atrevidos), na igrexa de Escuadro, na fervenza de Férveda (magnífica e descoñecida, pero co enorme estrago da  fermosa corredoira vella, pola beira do río Escuadro, que agora xace sepulta por unha pista que as paleadoras -baixo as ordes de mentes privilexiadas- abriron ata moi preto da fervenza), e algúns vieiros polo medio das carballeiras e nas que unha e outra vez intentamos  perdernos sen conseguilo de todo.


18/09/13

RUTA DOS MOSTEIROS, DO CAMIÑO FRANCÉS DE POIO A VILANOVA, POR ARMENTEIRA E RIBADUMIA, DA PEDRA E DA AUGA E DO “ALBARVIÑO”

VER RUTA EN WIKILOC
A sección ÉRBEDO AROUSA ofreceunos esta gorentosa ruta de sendeirismo  o sábado 5 de outubro de 2013.
 A apócrifa sección delegada coñecida por Erbedo Arousa ten a honra e “incitarvos” a facer unha ruta fácil, que despois do mediodía xa é un simple paseo,  que pretende facer un resume abreviado a pé e por diversos medios e circunstancias do que recentemente vén sendo chamada a variante “espiritual”( xa entenderedes ao final da xornada por que ese termo subliñado ) do camiño portugués a Santiago que vai da praza da Peregrina en Pontevedra, afasta do orixinal e empata no porto de Vilanova coa única ruta fluvial Xacobea que se chama  Ruta Fluvial Xacobea do mar de Arousa ( que vai de Vilanova a Pontecesures  a que lle adicaremos máis tempo nalgunha outra ocasión). Esta variante, traída a conto ou inventada para a feira do Turismo, pola politica actual reedita o patrón clásico que sempre  foi aproveitarse  durante  séculos das tradicions e crenzas dos pobos,  para sacar rendemento  económico ou algunha vantaxe.  A día de hoxe sabemos que o camiño da fin do mundo é celta, dende logo  prerrománico y precristián,  os nosos máis remotos devanceiros  usaban entre outras cousas  para casar- . E que pese aos grandes esforzos de moitos que pretenden darlle base real á lenda de que  o mesmo Yaakov Bar-Zebdi  - que é como se dicía en Arameo Santiago o fillo de Zebedeo - (na actualidade o arameo só o usamos para xurar cando nos damos un martelazo no xeonllo ou así…) no ano 44 d.C. fose traído por mar nunha longa viaxe polos seus discípulos ata  unha pedra no río Sar sita na coruñesa Vila de Iria Flavia ( hoxe Padrón) e dende ali ao campo a Estrela,  non é máis que iso, unha lenda (C. Sánchez Albornoz: "En los albores del culto jacobeo", en Compostellanum 16 (1971) pp. 37-71.)  que xa era dende  moito tempo antes uhna necrópole celta e a partir de tal aventurada hipótese  construír todo un enxame de dióceses, templos, santuarios, cenobios, hospicios,  fondas, camiños e intercambios que configuraron Europa e o camiño de Santiago, con todo  feliz feito que nos mantén aos galegos no mapamundi. Aproveitando pois esa “ nova inventio” da variante espiritual, queremos levarvos dende o Mosteiro de San Xoán de Poio ( fundado por San Fructuoso no século VII, que albergou aos Benedictinos e logo aos Mercedarios) foi colexio maior de Teoloxia onde impartiu clase o Padre Feijoo, para logo nun exixente ascenso ao monte Castrove  e  cunha panorámica impresionante da ría de Pontevedra chegar ata o alto ou curro da Escusa onde pararemos para comer , beber e repoñer forzas, e  logo nunha permanente  suave baixada , visitando os importantes vestixios que se atopan ao carón do camiño ( petróglifo do labirinto do Outeiro do Cribo ,  etc) chegar ao Mosteiro de Armenteira( S.XVII) fundado por Ero,  cabaleiro da nobreza do rei Alfonso VII, que no seu retiro trouxo catro monxes do Císter, e chegou a ser abade , tivo un “affaire” con un paxaro que foi bastante común nos mosteiros medievais recollido na cantiga 103 de Alfonso X,   e despois de séculos de esplendor, foi abandonado en 1.837 coa Desamortización e se arruinou por completo. Nesas ruínas  inspirouse Don Ramón María del Valle Inclán para a súa obra “ Aromas de leyenda” e despois a  un fillo de este , Carlos, a fundar unha asociación de amigos de Armenteira que serán quen refagan o edificio onde agora se instalaron as monxas chegadas dende Alloz en Navarra, para restaurar nel a orde do Císter en 1.989.  Precisamente a lenda atribúe ás ordes relixosas asentadas en Galicia  ( en concreto a de Cluny) traer ao fértil e cálido val do Salnés as primeiras cepas de albariño,( a realidade demostra que é variedade autóctona)  blanco viño universal, que foi peza de coleccionista nos anos sesenta, e dende entón se relanzou polos primeiros enólogos que impartiron cursos na agraria  e concienciaron á xente da súa valía ata ser un dos caldos máis apreciados do mundo- é case monocultivo na zona e e base primordial da enconomía  e  motor actual do desenrolo. Aínda que a festa do Albariño se fai en Cambados, final e capital do Salnés por ser  tradicional cabeceira do partido xudicial,  ser a  desembocadura do río Umia, verdadeira espiña vertebral do Salnés e  responsable do seu   clima suave, formando un triángulo  que parte do  vértice nacente en   Caldas de Reis  e abre en abanico en sentido norte e sur dende os altos de Lobería (Vilanova) ata o de  Castrove (Meis e Sanxenxo) tendo o río como eixe central ,   nós chegaremos por fin baixando pola xa moi coñecida ruta da pedra e da auga ( chea de muíños e especies frondosas ) ata Barrantes ( Ribadumia) que  é  cecais a máis xenuína poboación que vive por e para o viño, tanto o albariño como o tinto  que toma o seu nome da vila e que xa é recoñecido por todos. Alí finaliza a nosa aventura, coa cea  no mesón Os Castaños, tanto a que faremos a pé como as que fagamos fóra de programa facendo burato  para aloxar  a cea . Esperamos que vos guste a proposta e máis que ese gusto sexa aínda mais doce á noite cando voltedes para as vosas casas. 
Quedades incitados ...

Vídeo de Manuel Ferreiro:

21/08/13

RUTA POLA COSTA DE DEXO E LORBÉ (OLEIROS - SADA)

Ruta pola costa de DEXO e LORBÉ (Concellos de Oleiros e Sada)
Case morría o agosto nese xoves 29 e, como fose, había que ir ao mar. Así que, con costa ceiba e coa Marola no ollo, en mañá solleira e leda, dispuxémonos para unha andaina preparada Manolo Busto coa que despedir como merece o verán.
Iniciamos en Mera: café con vistas á Ría da Coruña en terraza amena e paseo pola beira da fermosa praia, co engado da cidade herculina de fondo. Un sendeiro asfaltado levounos ata o Faro e a pechada Aula do Mar desa localidade, onde Manolo Ferreiro se ocupou de inmortalizar o instante. Axiña, sendeiros entre o arume dos piñeiros para chegar ata a agreste punta do Seixo Branco, con gozosas estampas de barcos de pesca aplicados á faena e a Torre de Hércules na bruma e ao lonxe. Insistindo pola beira do mar demos axiña coas furnas do Ollo Pequeno, a Galocha e Ollo Grande, unha tras outra, entre os contos do Antonio e a presenza insistente da Marola (e xa se sabe ”O que pasou a Marola, pasou a mar toda”). Logo, por revirados carreiros da antolladiza costa, chegamos ao Porto de Dexo (fermoso recanto, abofé), para seguir adiante na procura dunha praia de Cirro que, entre chanzas e despois de 15 km, se fixo de rogar. Nela, area e ondas mainas, moi apropiadas para os viciosos do remollo, ademais de bocata, cervexa, café no bar e, incluso, soneca consoladora dos máis afeitos. Xa pola tarde, tranquila camiñada polo interior da península, entre sombras e, como non, co clásico extravío que algúns xa botabamos de menos. Sen présas, chegada á Lagoa de Mera, visita nos coches ao castelo de Santa Cruz de Oleiros e refrixerio ao canto en terraza con gozosa posta de sol. Regreso a Lorbé e cea-enchente na terra do mexillón (por se algún recunca: Restaurante Vila do Couto) coa que rematou unha levadeira xornada que matou ese incerto sarabullo andante que xa inza nos do Érbedo. 
     Vídeo de Manuel Ferreiro con imaxes da primeira parte da ruta:  
29 de agosto de 2013

 BLOG CON INTERESANTE RESUMO DA RUTA

11/07/13

RUTA ANCARES 2013. TRES BISPOS - CORNO MALDITO

VER RUTA EN WIKILOC



RUTA ANCARES 2013: Tres Bispos-Corno Maldito
Xa avisaramos hai un ano, “Se esta foi a cuarta, que ninguén o dubide: non hai quinta mala”, e como a palabra é un documento, abriu agosto e no primeiro xoves (tradición manda) subimos ao alto nas estremas de Galiza e León. De novo unha tropa de 32 e desta vez con principio e final no Albergue dos Ancares (Degrada). Experimentouna Pepe, Manuel estivo ao micro, e todos ao rebufo dun Busto definitivamente tecnoloxizado. En mañá solleira e algo ventada fomos camiño arriba e sen apuro. Pura paisaxe. Despois de pisar campas e mirar mundo, chegamos sen novidade ao Tres Bispos. Foto ao canto e, a seguir, dous grupos: os de risco cara ao Corno Maldito (pasando os Penedois e o Pico Charcas) e os do acougo pola Golada da Trapa, xa en baixada. Xantar separados, todo moi bucólico. Fontes e sombras agarimosas no calor da sesta. Paso por Campa de Brego, Rego da Vara, Devesa da Cabanavella... Os nomes recenden a Natureza. E ceiba. Esplendor, entre suores da tarde, de acivros e arandeiras. Ata que o son das gaitas nos recibiu no Albergue, para ledicia dos vales. E unha cervexa fresca antes de visita rápida aos Grobos de Agüeira. Ao cabo, cea na Fonte da Salud, con troula subida (hai perna!) e a promesa de recuncar.

18/05/13

RUTA POLAS FRAGAS DA RIBEIRA E LOSTEGAL


RUTA polas fragas da RIBEIRA e LOSTEGAL (As Pontes)
O sábado 25 de maio do 2013, nunha nova xuntanza cos camaradas da costa, atrevémonos cunha ruta preparada por Xosé Manuel García e nunha zona onde o Érbedo aínda non puxera o pé: as Pontes. Tratábase de patear as terras situadas a cabalo entre os LIC da serra do Xistral e o PN das Fragas do Eume. Todo un achado.
Despois do tradicional café en ruta e a xuntanza na área recreativa do Eume, partimos a pé pola beira do mesmo río ata chegar ao encoro da Ribeira, alí onde o sendeiro se fai vizoso e natural, cheo de regatos (rego dos Porcos, do Inferno, do Malvís...) e vereas dignas do mellor sendeirista que se estenden pola denominada Ribeira Vella. Así, sempre coa auga á dereita, afastándonos das enormes chemineas e recortando a beira, fomos facendo camiño ao tempo que subía a temperatura polo Chao do Habanero e entre pasarelas e cordaxes que evitaban as toxeiras e nos metían no fragor do máis salvaxe. O xantar, con chanzas e bota de viño, fixémolo en mesa oficial de área recreativa. E deixamos para a tarde, como para relaxar o corpo entre o frescor das súa sombra e a fogaxe do día, a fermosa fraga de Lostegal, gozosa paraxe da máis enxebre natureza do país. Logo, despois dun lixeiro ascenso, chegou “o bucle” no que partimos o grupo: uns dereitos cara ás Pontes polo PR-G 147, e outros (seguindo as achegas de Vintedouspés e o Club o Caxado) engadiron sete quilómetros máis. E foi aí, sempre en baixada, saltando unha e outra vez un regato ceibo (o rego do campo da Meda), onde descubrimos un pequeno paraíso cheo de fervenzas bravas, carreiros sen trazar e recantos de natureza esplendorosa que se nos ían amosando a cada paso e que se prolongaron ata a mesma ribeira do Eume. Tras superar a área recreativa de Caneiro, atravesar á provincia de Lugo (concello de Muras) e volver pola Vacariza, ascendemos pola fraga da Carballeira ata o cumio do mesmo nome, desde onde gozamos das vistas sobre a vila e o lago das Pontes. Ao cabo, forte descenso e merecido refrixerio. 
Cansos pero ledos pola descuberta, ceamos no restaurante A Carballeira de Teixeiro. 
Fotos da ruta no blog de caracochas
 As Pontes e o lago (foto: Galicia única, revista digital independiente)

20/04/13

RUTA AOS FOXOS DO LOBO DE COTOBADE E RÍO ALMOFREI

VER RUTA EN WIKILOC

Foxo do Lobo das Brañeiras


VÍDEO
VÍDEO
VÍDEO
Ruta aos Foxos do Lobo de Cotobade e río Almofrei
O sábado 27 de abril deste inestábel 2013 curamos “a teima” no concello de Cotobade gozando dunha deliciosa achega roteira de Manolo Busto. 
Ben durmidos e con ánimo, dada a proximidade, os 7 de Lalín xuntámonos en Cerdedo coa rapaza do Carballiño e no Bar Concha coa gavela de Catoira para, despois de arrimar os coches a Cuspedriños -e catar o seu campo da feira, os pendellos rehabilitados, a ermida do Carme, o curro da rapa das bestas, o cruceiro, o peto de ánimas e a fonte, todo á vez-, iniciar a ruta a pé. Na previsión: 23 quilómetros e cualificada como de dificultade media-baixa. 
De inicio, subida, para poder alzar a mirada e, ao lonxe, ver o mar na Ría de Pontevedra. Axiña acadamos o Foxo do Lobo das Brañeiras, perfectamente reconstruído e explicado, o que nos permitiu valorar esa especial relación entre o home e a besta, tan presente na nosa cultura. A seguir, non sen certa dificultade, localizamos o petróglifo das Pías e, entre chorimas e espiños, emboscámonos un chisco por corredoiras sen trazar e co engadido da choiva miúda. Como nos bos tempos, vaia, e para a lembranza. 
E así, saltando valos, vadeando regatos, chegamos a Carballedo, capital do Concello de Cotobade, coa zona de muíños reconstruída á beira do río Almofrei. Alí ao lado, posamos para a historia ante o canón dunha fragata que o antollo de calquera (por soster a “lenda do canón de pau”) levou para as terras do interior. Logo, pola ruta do Sabugueiro, con casal e fonte deixada da mao dun deus despistado, con congostras esquecidas e vereas con sabor a vello e lendas para dar e tomar, enganchamos coa Ruta do Foxo do Lobo. Despois de pasar pola aldea de Arufe (abandonada, pero conservando esa grandeza gasta do rural, por pedra, fontes, hórreos...), xantamos á beira do Almofrei. 
Así chegou a tarde. De paseo puro. Ideal. Pola beira dun limpo e sosegado río, catando muíños (dos Pasos), pontellas, camiños de auga e pedra, corredoiras sementadas de folla, aldeas abandonadas e recendos a natureza vizosa e paisaxes primorosos de primavera que devecía por imporse. Iso ata a fermosa Ponte Serrapio. Sesión de fotos e, amodiño, ascenso tripando rexa lousa ata o Foxo do Lobo da Corredoira, en estado puro, entre a fronde e cos enormes muros cubertos de verdello. Deseguido, botámonos ao monte. Pero monte puro, sementado de toxos e amarelecendo ata non dar máis, con brañais, campelos, e unha carballeira (de don Elías) onde, entre cabalos ceibos, collemos folgos para enfrontarnos á toxeira “refinitiva”, a que nos levaría ata o Observatorio Astronómico de Cotobade e a Lagoa do Monte Coirego, xa no cimo. De regreso, expostos ao vento e choiva do norte, camiñada polas alturas gozando das paisaxes e na procura dun Cuspedriños que se fixo de rogar. Tras estarricar, con frío e sol, o remate desta interesantísima e algo rabuñada ruta –na que Manolo Ferreiro estabeleceu un novo record do mundo en fotografía- aconteceu no Lar de Concha, con churrascada ao canto e canto despois da churrascada.
Os foxos do lobo
Xornadas sobre o mito do lobo
VÍDEO
VÍDEO
VÍDEO
Foxo do lobo de A Corredoira

22/03/13

RUTA VAL DAS SOMBRAS - CORGA DA FECHA - SERRA DO XURÉS



Ruta do Val das Sombras-Corga da Fecha-Serra do Xurés
O sábado 22 de marzo, aproveitando un relanzo deste cru inverno e con Manolo Busto marcando o paso, perdémonos polas terras raianas da montaña ourensá que tantos tesouros naturais ofrece ao sendeirista e que, de certo, nos ten cativados.  Despois dun café no Hotel Lusitano, deixando os coches ao lado mesmo do Balneario, os 11 esforzados iniciamos a camiñada con tempo cambiante e empinada costa. E xa desde o inicio, auga, pero polo chan, escorrendo das montañas e a agarimarnos durante toda a xornada. A subida da primeira lomba, despois dun cambio de rumbo, permitiunos gozar da vexetación desa altura intermedia na que inza o érbedo e os recendos anuncian  unha primavera que se resiste a chegar. A seguir, parada no Santuario da Virxe do Xurés, con espectaculares vistas a vales e montañas, maiormente desde o campanario. Logo, vieiro estreito  entre alvarizas que nos achegou ao impresionante Val das Sombras, alí onde o río Vilameá xoga coas rochas para crear espectaculares pozas e fervenzas e o camiño se empina, retorce e alonga xusto ao cruzar a ponte de Porta Paredes. Por eses lares, pedra, auga, paisaxe e pasaxe rotundas, ao lado dun río moi vivo e que recolle a auga de multitude de regatos que forman as denominadas corgas. Así, sempre subindo, levados da mao pola vella senda dos mineiros e entre vexetación de monte raso, catamos a soidade dos cumios de Baltar e  Fitoiro, o rumor das fervenzas, o poderío dos penedais e a serena quietude da montaña a facerse amiga do vento. E trala alasada, xantar con viruxe á beira da Mina das Sombras, preto da raia con Portugal, con restos da minería heroica dese volframio que tanto explotaron os alemáns na II Guerra Mundial.
Esquecendo o atallo previsto, pero xa en baixada, volvemos pola virada dunha pista aberta, de andar apurado e fermosas vistas ao Parque Nacional do Xurés. Entre chan brañento, augas ceibas e ledas conversas, procuramos a Cabana do Curro, vello refuxio dos pastores, e confluímos con toda a auga daquel mundo acuático na cachoeira da Corga do río Fecha, impresionante fervenza que se divisa desde a reboronda do camiño de volta. Finalmente, paseo apurado á beira dun Río Caldo que non se deixa domesticar, baño ou escaldada na piscina exterior e cea no Lusitano de Lobios, onde catamos corzo e, como nos anunciaran, tampouco pasamos fame. 



VER RUTA WIKILOC

PUNTOS DE INTERESE: (Pinchar sobre as liñas para ver os vídeos)
- Parque Nacional do Xurés (zona colindante con Portugal)

- Corga da Fecha (fervenzas e pozas de augas límpidas).

- Mina das Sombras (restos de construción de minas abandonadas).

- Santuario da Virxe do Xurés.

- Mansión Aquis Originis.

- Piscina do Río Caldo (baño en augas termais no final da ruta).

- Exteriores do Balneario de Lobios.

20/02/13

RUTA POLA SERRA DE SAN MAMEDE

VER RUTA EN WIKILOC


Ruta de San Mamede-A Edreira
O Sábado 2 de marzo levamos a cabo unha esixente e espectacular andaina de sendeirismo de altura polo Macizo Central Ourensán, entre as comarcas das terras de Trives (Chandrexa de Queixa) e de Caldelas (Montederramo). Ante as perspectivas de dureza (alta montaña, longa distancia, neve...) só se anotaron 6 participantes. Día, por radiante e fresco, ideal.
Despois dun reconfortante café con bica en Montederramo, a ruta iniciouse con temperaturas moi baixas na cola do encoro de Chandrexa de Queixa, na Ponte de Santa Cruz. Debido ás desfeitas na pista, tivemos que deixar os coches antes do previsto. E aí comezou a aventura, pois paramos un “transporte de gando” e, metidos no seu axitado remolque, superamos ese primeiro tramo de fochancas xeadas ata chegar á Ferraría (vestixio dunha antiga e artesanal industria metalúrxica, hoxe acubillo de gando). A seguir, sen escapatoria nin perda, xa a pé, subida en zigzag das pronunciadas ladeiras ata chegar aos altos da Serra de San Mamede. Alí nos agardaba non só unha neve en pó ou endurecida pola temperatura, o que fixo menos dificultoso e moi agradábel o paseo polos cumios nevados da serra, senón tamén unha insuperábel vista dos vales e das montañas do país co seu curuto branco. O xantar fixémolo intentando tornar a viruxe no abandonado refuxio de montaña, ao lado dun Mirador da Silla da Raíña cativado pola fermosura das paraxes de Rebordechao.
E a partir de aí, sempre en descenso, longo percorrido por un bosque encaixado entre montañas para acadar o mítico e recóndito lugar da Edreira. Situado onde nace o río de Queixa, este pequeno "oasis" no corazón do Macizo Central Ourensán foi outrora inexpugnábel refuxio dos guerrilleiros do franquismo. Alí mesmo, alleos ao mundo e a toda lei, conversamos cun grupo de cazadores que facía a súa festa.
Pero aínda nos quedaba o delicioso e interminábel camiño de volta. Entre regatos fervorosos e agradábel temperatura, gozamos de incribles pasaxes (como a do Malpaso) e fascinantes vistas de corgas que serpean unha e outra vez para superar as elevadas montañas e chegar alí onde só uns poucos privilexiados chegan.
Cansos e apurados, con certos problemas físicos, na beira da noite e despois de pasar de novo pola Ferraría, alcanzamos os coches coa ledicia de ter superado unha das máis duras (35 km na montaña) e fermosas rutas realizadas polo Érbedo e preparada por Xosé Manuel.
Pero aínda había que poñerlle o ramo. Fixémolo nunha pantagruélica cea no Xerardo, a enxebre casa de comidas de Chandrexa de Queixa. Por apoñerlle o que merece a súa vianda: caseira, suculenta e a fartar. A cazola dos callos e do flan dan boa fe diso. 

INFORMACIÓNS:
Serra de San Mamede (wikipedia, Turgalicia, video)
Macizo central ourensá (Turgalicia , As Corcerizas)
Por aquí tamén andou Romasanta, o sacauntos.
BLOGS con consellos acerca da ROUPA e MATERIAL (12)

10/01/13

RUTA POR A LIMIA DE XINZO E SARREAUS

VER RUTA EN WIKILOC

Ruta da Limia (de Xinzo a Sarreaus)
O sábado 26 de xaneiro e por terras da Limia iniciamos a xeira dun ano 13 que promete. Cando menos camaradería. O demais (esforzo deportivo, ledicia, cultura e canto se lle queira achacar a esta actividade) virá pola súa conta e só con procuralo.
Antes de nada, inesperado agasallo na nova xuntanza cos amigos da costa: espléndido día. Ademais, como se a natureza quixese recuperar o que é seu, as interminábeis choivas dos días anteriores fixeron máis interesante a ruta, pois colaboraron en encher de auga a chaira limiá. Gozamos así, durante toda a mañá, da vista dunha parte do que era Lagoa de Antela, a máis grande de Galiza e que fora desecada no franquismo.
Despois dun refrixerio de café e bica, partimos da igrexa románica de Santo Tomé de Morgade, con cruceiro e reitoral con adobíos. En leve subida a outeiros de serra baixa, acadamos axiña o Castro da Cidade, de escaso valor e menos conservación, pero que permitía unha vision xeral de boa parte do percorrido e da mencionada lagoa. A seguir, tal unha tropa ben adestrada, amenizados polo tino da palabra de Manolo Busto, conquistamos a Torre da Pena, un resto da fortificación de vixilancia que fala dun pasado rexo e receoso. E axiña, camiño. Fermoso e solleiro no monte baixo, onde as penas e as caxigueiras nos amparaban, sen por iso agochar, ao lonxe, as neves da serra de San Mamede. E subidas e baixadas polas abas dunha demorada lomba que deixa a Lagoa á esquerda e que, entre chanzas e bo ambiente, nos levaría ata o lugar de Trandeiras. Alí, visita obrigada ao mosteiro do Bo Xesús e ás ruínas dun claustro de estilo manuelino que recende a Portugal.
Xantar nun bar de Cortegada, con estufa escusada  e entre grolos e risos. E folgos para unha tarde de alasadas varias. Por un monte xa con moito toxo e carqueixa, pasada por Portela da Quinta e Vilariño, ata caer na afortunada aldea de Couso (ou Couso Galán, na honra do empresario que a rehabilitou), dedicada ao turismo rural. Cubrimos a derradeira tirada para chegar a Sarreaus, capital do concello do mesmo nome, xa coa noite enriba e, ao cabo, 27 km no papoRemate de festa con cea en Xinzo, onde cadramos, entre fachucos acesos, coa Procesión do Meco no Carnaval da Limia.
Infografía da aldea
Mapa de Domingo Fontán (1845) da primitiva Lagoa de Antela (na actualidade case desecada na súa totalidade). A nosa ruta transcorreu por unha pequena serra que se ve á dereita da antiga lagoa.