
Ruta da Limia (de Xinzo a Sarreaus)
O sábado 26 de xaneiro e por terras da Limia iniciamos a xeira dun ano 13 que promete. Cando menos camaradería. O demais (esforzo deportivo, ledicia, cultura e canto se lle queira achacar a esta actividade) virá pola súa conta e só con procuralo.
Antes
de nada, inesperado agasallo na nova xuntanza cos amigos da costa: espléndido
día. Ademais, como se a natureza quixese recuperar o que é seu, as
interminábeis choivas dos días anteriores fixeron máis interesante a ruta, pois
colaboraron en encher de auga a chaira limiá. Gozamos así, durante toda a mañá,
da vista dunha parte do que era Lagoa de Antela, a máis grande de Galiza e que
fora desecada no franquismo.
Despois
dun refrixerio de café e bica, partimos da igrexa románica de Santo Tomé de
Morgade, con cruceiro e reitoral con adobíos. En leve subida a outeiros de
serra baixa, acadamos axiña o Castro da Cidade, de escaso valor e menos
conservación, pero que permitía unha vision xeral de boa parte do percorrido e
da mencionada lagoa. A seguir, tal unha tropa ben adestrada, amenizados polo
tino da palabra de Manolo Busto, conquistamos a Torre da Pena, un resto da
fortificación de vixilancia que fala dun pasado rexo e receoso. E axiña,
camiño. Fermoso e solleiro no monte baixo, onde as penas e as caxigueiras nos
amparaban, sen por iso agochar, ao lonxe, as neves da serra de San Mamede. E subidas
e baixadas polas abas dunha demorada lomba que deixa a Lagoa á esquerda e que,
entre chanzas e bo ambiente, nos levaría ata o lugar de Trandeiras. Alí, visita
obrigada ao mosteiro do Bo Xesús e ás ruínas dun claustro de estilo manuelino
que recende a Portugal.
Xantar
nun bar de Cortegada, con estufa escusada e entre grolos e risos. E folgos para unha
tarde de alasadas varias. Por un monte xa con moito toxo e carqueixa, pasada
por Portela da Quinta e Vilariño, ata caer na afortunada aldea de Couso (ou
Couso Galán, na honra do empresario que a rehabilitou), dedicada ao turismo
rural. Cubrimos a derradeira tirada para chegar a Sarreaus, capital do concello
do mesmo nome, xa coa noite enriba e, ao cabo, 27 km no papo. Remate
de festa con cea en Xinzo, onde cadramos, entre fachucos acesos, coa Procesión do Meco no Carnaval da Limia.
Mosteiro do Bo Xesús de Trandeiras (vídeo)Aldea de Couso Galán, rehabilitada integralmente para turismo rural (1º vídeo)
Infografía da aldea
Mapa de Domingo Fontán (1845) da primitiva Lagoa de Antela (na actualidade case desecada na súa totalidade). A nosa ruta transcorreu por unha pequena serra que se ve á dereita da antiga lagoa.
Mapa de Domingo Fontán (1845) da primitiva Lagoa de Antela (na actualidade case desecada na súa totalidade). A nosa ruta transcorreu por unha pequena serra que se ve á dereita da antiga lagoa.