Despois dun reconfortante café con bica
en Montederramo, a ruta iniciouse con temperaturas moi baixas na cola do encoro
de Chandrexa de Queixa, na Ponte de Santa Cruz. Debido ás desfeitas na pista,
tivemos que deixar os coches antes do previsto. E aí comezou a aventura, pois
paramos un “transporte de gando” e, metidos no seu axitado remolque, superamos
ese primeiro tramo de fochancas xeadas ata chegar á Ferraría (vestixio dunha
antiga e artesanal industria metalúrxica, hoxe acubillo de gando). A seguir,
sen escapatoria nin perda, xa a pé, subida en zigzag das pronunciadas ladeiras
ata chegar aos altos da Serra de San Mamede. Alí nos agardaba non só unha neve en
pó ou endurecida pola temperatura, o que fixo menos dificultoso e moi agradábel
o paseo polos cumios nevados da serra, senón tamén unha insuperábel vista dos
vales e das montañas do país co seu curuto branco. O xantar fixémolo intentando
tornar a viruxe no abandonado refuxio de montaña, ao lado dun Mirador da Silla
da Raíña cativado pola fermosura das paraxes de Rebordechao.
E a partir de aí, sempre en descenso,
longo percorrido por un bosque encaixado entre montañas para acadar o mítico e
recóndito lugar da Edreira. Situado onde nace o río de Queixa, este pequeno
"oasis" no corazón do Macizo Central Ourensán foi outrora inexpugnábel refuxio dos guerrilleiros do franquismo. Alí mesmo, alleos ao mundo e a toda lei, conversamos cun grupo de cazadores
que facía a súa festa.
Pero aínda nos quedaba o delicioso e
interminábel camiño de volta. Entre regatos fervorosos e agradábel temperatura,
gozamos de incribles pasaxes (como a do Malpaso) e fascinantes vistas de corgas
que serpean unha e outra vez para superar as elevadas montañas e chegar alí
onde só uns poucos privilexiados chegan.
Cansos e apurados, con certos problemas
físicos, na beira da noite e despois de pasar de novo pola Ferraría, alcanzamos
os coches coa ledicia de ter superado unha das máis duras (35 km na montaña) e
fermosas rutas realizadas polo Érbedo e preparada por Xosé Manuel.
Pero aínda había que poñerlle o ramo.
Fixémolo nunha pantagruélica cea no Xerardo, a enxebre casa de comidas de Chandrexa
de Queixa. Por apoñerlle o que merece a súa vianda: caseira, suculenta e a
fartar. A cazola dos callos e do flan dan boa fe diso. 
Serra de San Mamede (wikipedia, Turgalicia, video)
Macizo central ourensá (Turgalicia , As Corcerizas)