Ruta do Val das Sombras-Corga da
Fecha-Serra do Xurés
O sábado 22 de marzo,
aproveitando un relanzo deste cru inverno e con Manolo Busto marcando o paso, perdémonos
polas terras raianas da montaña ourensá que tantos tesouros naturais ofrece ao
sendeirista e que, de certo, nos ten cativados.
Despois dun café no Hotel Lusitano, deixando os coches ao lado mesmo do
Balneario, os 11 esforzados iniciamos a camiñada con tempo cambiante e empinada
costa. E xa desde o inicio, auga, pero polo chan, escorrendo das montañas e a agarimarnos
durante toda a xornada. A subida da primeira lomba, despois dun cambio de
rumbo, permitiunos gozar da vexetación desa altura intermedia na que inza o
érbedo e os recendos anuncian unha
primavera que se resiste a chegar. A seguir, parada no Santuario da Virxe do
Xurés, con espectaculares vistas a vales e montañas, maiormente desde o
campanario. Logo, vieiro estreito entre
alvarizas que nos achegou ao impresionante Val das Sombras, alí onde o río
Vilameá xoga coas rochas para crear espectaculares pozas e fervenzas e o camiño
se empina, retorce e alonga xusto ao cruzar a ponte de Porta Paredes. Por eses lares, pedra,
auga, paisaxe e pasaxe rotundas, ao lado dun río moi vivo e que recolle a auga
de multitude de regatos que forman as denominadas corgas. Así, sempre subindo,
levados da mao pola vella senda dos mineiros e entre vexetación de monte raso,
catamos a soidade dos cumios de Baltar e
Fitoiro, o rumor das fervenzas, o poderío dos penedais e a serena
quietude da montaña a facerse amiga do vento. E trala alasada, xantar con
viruxe á beira da Mina das Sombras, preto da raia con Portugal, con restos da
minería heroica dese volframio que tanto explotaron os alemáns na II Guerra
Mundial.
Esquecendo o atallo
previsto, pero xa en baixada, volvemos pola virada dunha pista aberta, de andar
apurado e fermosas vistas ao Parque Nacional do Xurés. Entre chan brañento,
augas ceibas e ledas conversas, procuramos a Cabana do Curro, vello refuxio dos
pastores, e confluímos con toda a auga daquel mundo acuático na cachoeira da
Corga do río Fecha, impresionante fervenza que se divisa desde a reboronda do camiño
de volta. Finalmente, paseo apurado á beira dun Río Caldo que non se deixa
domesticar, baño ou escaldada na piscina exterior e cea no Lusitano de Lobios,
onde catamos corzo e, como nos anunciaran, tampouco pasamos fame.
PUNTOS DE INTERESE: (Pinchar sobre as liñas para ver os vídeos)

- Corga da Fecha (fervenzas e pozas de augas límpidas).
- Mina das Sombras (restos de construción de minas abandonadas).
- Santuario da Virxe do Xurés.
- Mansión Aquis Originis.
- Piscina do Río Caldo (baño en augas termais no final da ruta).
- Exteriores do Balneario de Lobios.