Foxo do Lobo das Brañeiras
VÍDEO
VÍDEO
VÍDEO
Ruta aos Foxos do Lobo de Cotobade e río Almofrei
O sábado 27 de abril
deste inestábel 2013 curamos “a teima” no concello de Cotobade gozando dunha
deliciosa achega roteira de Manolo Busto.
Ben durmidos e con ánimo, dada a
proximidade, os 7 de Lalín xuntámonos en Cerdedo coa rapaza do Carballiño e no
Bar Concha coa gavela de Catoira para, despois de arrimar os coches a
Cuspedriños -e catar o seu campo da
feira, os pendellos rehabilitados, a ermida do Carme, o curro da rapa das
bestas, o cruceiro, o peto de ánimas e a fonte, todo á vez-, iniciar a ruta a pé. Na previsión:
23 quilómetros e cualificada como de dificultade media-baixa.
De inicio, subida, para poder alzar a mirada e, ao lonxe, ver o mar na Ría
de Pontevedra. Axiña acadamos o Foxo do Lobo das Brañeiras, perfectamente
reconstruído e explicado, o que nos permitiu valorar esa especial relación entre
o home e a besta, tan presente na nosa cultura. A seguir, non sen certa
dificultade, localizamos o petróglifo das Pías e, entre chorimas e espiños, emboscámonos
un chisco por corredoiras sen trazar e co engadido da choiva miúda. Como nos
bos tempos, vaia, e para a lembranza.
E así, saltando valos, vadeando regatos, chegamos
a Carballedo, capital do Concello de Cotobade, coa zona de muíños reconstruída á
beira do río Almofrei. Alí ao lado, posamos para a historia ante o canón dunha
fragata que o antollo de calquera (por soster a “lenda do canón de pau”) levou
para as terras do interior. Logo, pola ruta do Sabugueiro, con casal e
fonte deixada da mao dun deus despistado, con congostras esquecidas e vereas con
sabor a vello e lendas para dar e tomar, enganchamos coa Ruta do Foxo do Lobo.
Despois de pasar pola aldea de Arufe (abandonada, pero conservando esa grandeza
gasta do rural, por pedra, fontes, hórreos...), xantamos á beira do Almofrei.
Así
chegou a tarde. De paseo puro. Ideal. Pola beira dun limpo e sosegado río, catando
muíños (dos Pasos), pontellas, camiños de auga e pedra, corredoiras sementadas
de folla, aldeas abandonadas e recendos a natureza vizosa e paisaxes primorosos
de primavera que devecía por imporse. Iso ata a fermosa Ponte Serrapio. Sesión
de fotos e, amodiño, ascenso tripando rexa lousa ata o Foxo do Lobo da
Corredoira, en estado puro, entre a fronde e cos enormes muros cubertos de
verdello. Deseguido, botámonos ao monte. Pero monte puro, sementado de toxos e
amarelecendo ata non dar máis, con brañais, campelos, e unha carballeira (de
don Elías) onde, entre cabalos ceibos, collemos folgos para enfrontarnos á
toxeira “refinitiva”, a que nos levaría ata o Observatorio Astronómico de
Cotobade e a Lagoa do Monte Coirego, xa no cimo. De regreso, expostos ao vento
e choiva do norte, camiñada polas alturas gozando das paisaxes e na procura dun
Cuspedriños que se fixo de rogar. Tras estarricar, con frío e sol, o remate desta
interesantísima e algo rabuñada ruta –na que Manolo Ferreiro estabeleceu un novo
record do mundo en fotografía- aconteceu
no Lar de Concha, con churrascada ao canto e canto despois da churrascada.
Xornadas sobre o mito do lobo
VÍDEO
VÍDEO
VÍDEO
Foxo do lobo de A Corredoira