RUTA polas fragas da RIBEIRA e LOSTEGAL (As Pontes)
O sábado 25 de maio do 2013, nunha
nova xuntanza cos camaradas da costa, atrevémonos cunha ruta preparada por Xosé
Manuel García e nunha zona onde o Érbedo aínda non puxera o pé: as Pontes.
Tratábase de patear as terras situadas a cabalo entre os LIC da serra do
Xistral e o PN das Fragas do Eume. Todo un achado.
Despois do tradicional café en ruta e a xuntanza na área recreativa do
Eume, partimos a pé pola beira do mesmo río ata chegar ao encoro da Ribeira, alí
onde o sendeiro se fai vizoso e natural, cheo de regatos (rego dos Porcos, do
Inferno, do Malvís...) e vereas dignas do mellor sendeirista que se estenden pola
denominada Ribeira Vella. Así, sempre coa auga á dereita, afastándonos das enormes
chemineas e recortando a beira, fomos facendo camiño ao tempo que subía a
temperatura polo Chao do Habanero e entre pasarelas e cordaxes que evitaban as toxeiras
e nos metían no fragor do máis salvaxe. O xantar, con chanzas e bota de viño,
fixémolo en mesa oficial de área recreativa. E deixamos para a tarde, como para
relaxar o corpo entre o frescor das súa sombra e a fogaxe do día, a fermosa
fraga de Lostegal, gozosa paraxe da máis enxebre natureza do país. Logo, despois
dun lixeiro ascenso, chegou “o bucle” no que partimos o grupo: uns dereitos
cara ás Pontes polo PR-G 147, e outros (seguindo as achegas de Vintedouspés e o Club o Caxado) engadiron sete quilómetros máis. E foi aí, sempre en
baixada, saltando unha e outra vez un regato ceibo (o rego do campo da Meda), onde descubrimos un pequeno
paraíso cheo de fervenzas bravas, carreiros sen trazar e recantos de natureza
esplendorosa que se nos ían amosando a cada paso e que se prolongaron ata a
mesma ribeira do Eume. Tras superar a área recreativa de Caneiro, atravesar á
provincia de Lugo (concello de Muras) e volver pola Vacariza, ascendemos pola
fraga da Carballeira ata o cumio do mesmo nome, desde onde gozamos das vistas
sobre a vila e o lago das Pontes. Ao cabo, forte descenso e merecido refrixerio.
Cansos pero ledos pola descuberta, ceamos no restaurante A Carballeira de Teixeiro.
Fotos da ruta no blog de caracochasCansos pero ledos pola descuberta, ceamos no restaurante A Carballeira de Teixeiro.
As Pontes e o lago (foto: Galicia única, revista digital independiente)