Ruta pola costa de DEXO e LORBÉ (Concellos de Oleiros e Sada)
Case morría o agosto nese xoves 29 e,
como fose, había que ir ao mar. Así que, con costa ceiba e coa Marola no ollo, en
mañá solleira e leda, dispuxémonos para unha andaina preparada Manolo Busto coa
que despedir como merece o verán.
Iniciamos en Mera: café con vistas á
Ría da Coruña en terraza amena e paseo pola beira da fermosa praia, co engado da
cidade herculina de fondo. Un sendeiro asfaltado levounos ata o Faro e a pechada
Aula do Mar desa localidade, onde Manolo Ferreiro se ocupou de inmortalizar o
instante. Axiña, sendeiros entre o arume dos piñeiros para chegar ata a agreste
punta do Seixo Branco, con gozosas estampas de barcos de pesca aplicados á
faena e a Torre de Hércules na bruma e ao lonxe. Insistindo pola beira do mar
demos axiña coas furnas do Ollo Pequeno, a Galocha e Ollo Grande, unha tras
outra, entre os contos do Antonio e a presenza insistente da Marola (e xa se
sabe ”O que pasou a Marola, pasou a mar
toda”). Logo, por revirados carreiros da antolladiza costa, chegamos ao Porto
de Dexo (fermoso recanto, abofé), para seguir adiante na procura dunha praia de
Cirro que, entre chanzas e despois de 15 km, se fixo de rogar. Nela, area e
ondas mainas, moi apropiadas para os viciosos do remollo, ademais de bocata, cervexa,
café no bar e, incluso, soneca consoladora dos máis afeitos. Xa pola tarde, tranquila
camiñada polo interior da península, entre sombras e, como non, co clásico
extravío que algúns xa botabamos de menos. Sen présas, chegada á Lagoa de Mera,
visita nos coches ao castelo de Santa Cruz de Oleiros e refrixerio ao canto en
terraza con gozosa posta de sol. Regreso a Lorbé e cea-enchente na terra do
mexillón (por se algún recunca: Restaurante Vila do Couto) coa que rematou unha
levadeira xornada que matou ese incerto sarabullo andante que xa inza nos do
Érbedo.
Vídeo de Manuel Ferreiro con imaxes da primeira parte da ruta: 29 de agosto de 2013
BLOG CON INTERESANTE RESUMO DA RUTA