20/12/14

FELIZ NADAL, FELIZ ANO NOVO




Como xa vén sendo tradicional, empezaremos estas festas entrañables cunha actividade non menos entrañable: camiñando polos fragosos bosques de Moa e Zobra, a carón das augas virxes do Deza e do Rego de Zobra.
Percorrido: 11,2 Kms.
Saímos da estación de autobuses, o martes 23 ás 9:30 da mañá. Voltaremos para o xantar.
Apúntate AQUÍ

04/11/14

RUTA AO FAIAL DE BUSMAIOR E DEVESA DE FONTEFORMOSA

SÁBADO 29 DE NOVEMBRO
VER RUTA EN WIKILOC

FAIAL DE FONTEFORMOSA (Pedrafita do Cebreiro)


Puntos de interese:
O CEBREIRO: Santuario, hospedería, pallozas (VÍDEO)
Devesa de FONTEFORMOSAFAIAL DE BUSMAIORPanorámicas do Courel.

22/10/14

Ruta para salvar a Fraga das Casas Vellas (Lalín)

Domingo 2 Novembro, en Lalín

Éxito da ruta da Fraga de Casas Vellas, en perigo pola instalación da liña de alta tensión de FENOSA!!

VER RUTA EN WIKILOC (12 km, dificultade media-baixa)
A Fraga de Casas Vellas, situada ao lado da Carballeira de Quiroga (monumento natural da parroquia lalinense de Catasós) corre serio perigo. O proxecto da empresa Gas Natural-Fenosa contempla a corta dunhas 2.000 árbores (maioritariamente castiñeiros e carballos, pero tamén algún piñeiro manso de máis de 200 anos) para levar unha liña de alta tensión ata Lalín. 
Aínda que existen alternativas que evitan este estrago (como soterrar a liña pola N-525, proposta polos veciños e que a empresa rexeita por cara) semella que a conivencia de Xunta, Concello de Lalín e Fenosa (con todos os permisos xa concedidos e disposta a iniciar este atentado ecolóxico no mes de novembro) unha vez máis vai impoñer os seus intereses económicos por enriba dos dos cidadáns. 
Para intentar evitar esta derrama creouse a Plataforma para Salvar a Fraga de Casas Vellas, apoiada polo Érbedo e os sendeiristas de toda Galiza realizamos a ruta reivindicativa.
Salvemos o noso patrimonio ecolóxico!
INFORMACIÓN SOBRE O TEMA:
https://www.facebook.com/salvemoscatasos
A liña verde corresponde ao tendido eléctrico, unha banda de 50 metros de ancho de bosque arrasado. A liña azul discontinua corresponde á proposta de alternativa de liña soterrada que evitaría a desaparición dun espazo natural singular.

26/07/14

RUTA AO PENARRUBIA (ANCARES) DESDE VILLARIÑOS - BALBOA

SÁBADO 9 DE AGOSTO DE 2014
VER RUTA EN WIKILOC
VÍDEO RESUMO DA RUTA (Autor: Manuel Ferreiro)
II VÍDEO (DESDE O PENARRUBIA AO REFUXIO DE PEDRACABALAR (Autor: Manuel Ferreiro).
III VÍDEO (DESDE PEDRA CABALAR A VILLARIÑOS) (Autor: Manuel Ferreiro)
Un ano máis, o mes de agosto é cita obrigada cos Ancares. Agora é o pico Penarrubia cos seus 1821 m. quen nos convoca para completar esa angueira de conquistar os oito 1.800 míticos nesta serra galaico-leonesa. Para chegar a este cumio escollemos a opción da vertente leonesa, no concello de Balboa. Iremos nos vehículos ata a aldea de Villariños (concello leonés de Balboa) e por pistas forestais e polo cordal chegaremos á cima. Iso son seis quilómetros. Voltaremos sobre os nosos pasos nun pequeno treito para descencer por unha golada deica o refuxio de Pedracabalar, onde xantaremos (no Km.9). Para a tarde queda un treito de 11,6 Kms onde predomina o descenso. Pasaremos pola aldea de Castañoso para dirixirnos ao punto de incio en Villariños, non sen antes coroar un pronunciado repeito entre os densos soutos do Bierzo máis galego.






OUTROS PUNTOS DE INTERESE ADEMAIS DA PROPIA RUTA:
Palloza de Balboa. Vista exterior. Vista do interior.
Baño na praia fluvial de Balboa.
CEA na PALLOZA de BALBOA.


































Percorrido da ruta: 20,6 kms.
Dificultade: alta

01/07/14

RUTA PONTES DO LÉREZ (FORCAREI)


VER RUTA EN WIKILOC
VÍDEO RESUMO DA RUTA (Autor: Manuel Ferreiro)


SÁBADO 12 DE XULLO DE 2014
Ruta lineal de 18,9 Kms de percorrido ao longo do curso alto do río Lérez, percorrendo ,en descenso suave e constante, o bosque de ribeira que acompaña a este río de límpidas augas.
Puntos de interese:
Pontellas, pontes, mosteiro de Aciveiro, muíños, campamento de Pontemaril, bosques de ribeira... Existe a opción de facer só o percorrido da mañá, cun total de 11 Kms.
O xantar foi na área recreativa do Cotelo (Forcarei).

23/05/14

RUTAS POLO VAL DO RÍO PEQUENO E POLO VAL DAS MOURAS (O COUREL)

VER RUTA RÍO PEQUENO EN WIKILOC 
VER RUTA VAL DAS MOURAS EN WIKILOC


 SÁBADO 14 DE XUÑO de 2014
O  14 de xuño de 2014  é unha data para non esquecer. As paisaxes do curso do río Pequeno  (VÍDEO) e as fantasías naturais do Val das Mouras (1,2 Kms.) permanecen indelebles nas nosas retinas. O Courel amosóusenos, outra vez máis, maxestoso e sorprendente.
Puntos de interese:
Seoane
Aldea de turismo rural de O Mazo. VÍDEO
Impactantes paisaxes de montaña.
Aldeas compactas de orixe medieval: O Mazo, Meiraos, Vilasibil, MirazPaderne, Pedrafita do Courel, Mercurín, Ferraría Nova ...
Harmoniosa arquitectura de lousa e vangardismo
A máis sorprendente xeoloxía de Galicia
Fervenza da Poza da Grada
Sequeiros
Muíños
Inxente riqueza botánica
Calzadas e corredoiras ancestrais
Soutos centenarios
Devesas de natureza exuberante
Muíños e cabanas
Os labirintos kársticos do Val das Mouras. VÍDEO
Castro de Brío
Castro de Paderne. VÍDEO
Abundante fauna que inclúe a presenza esporádica do oso pardo. Noticia

Xantamos en Paderne. Na Casa As Triegas con esmerada atención de Ena aprovisionámonos de bebida e probásmolle o café.
Na Aldea do Mazo tivemos unha feliz parada con baño colectivo en piscina cuberta e cervexa fresquiña en terraza de pizarra e natureza desbordante.
Percorrido total : 19 Kms.
Dificultade: Media / medio-alta
Houbo CEA  na CANTINA DE JULIA en Salcedo (Pobra do Brollón). O xabaril, delicioso, pero orfo de licor de arandos.


01/05/14

RUTA POR PITÕES DAS JÚNIAS E SERRA DO GERÊS (PORTUGAL)





Nesta ocasión fomos ao veciño e fermoso Portugal irmán. Para gozar do patrimonio e da natureza en  Pitões das Júnias e a Serra do Gerês.
Unha ruta de 22 Kms. de percorrido cos seguintes puntos de interese:
- A aldea de Pitões das Júnias (VÍDEO) (VÍDEO 2)
- O Mosteiro de Santa María das Júnias. (VÍDEO1) (VÍDEO2)
- A Cascata do ribeiro do Campesinho. (VÍDEO)
- O val do Campesinho.
- O Foxo do Lobo de Parada de Outeiro
- Albufeira de Paradela (VÍDEO)               
- A ermida de San João.
- A Serra do Gerês cos seus caprichos graníticos

Dificultade técnica: medio-alta
Dificultade en Kms: medio-alta


10/04/14

RUTA DE ENTRENO POLAS RIBEIRAS DO RÍOS DEZA E GROBAS

VER RUTA EN WIKILOC
Ruta curta para unha mañá de domingo primaveral. Convén non deixarse enganar: a rutiña é curta pero ten sorpresa incluída. Nun primeiro treito de douscentos metros temos que abrirnos paso coa fouce e facer camiño para buscar as poldras do río Grobas (treito aínda non explorado) e cruzar o río polas pedras irregulares que forman o pasal. Noutro segundo tramo descenderemos por un antigo camiño da Devesa do Ameixedo e tamén faremos uso da fouce. Aquí a vexetación é menos inconveniente que o desnivel. Este tramo mide arredor de 500 metros.
Dicía o poeta:
Camiñante, non hai camiño,
faise camiño ao rozar.
Do que non nos cabe dúbida é de que esta ruta figura nunha posición moi elevada nesa categoría de rutas de sendeirismo ateigadas de atractivos e paraxes de gran beleza. O Deza mociño, O Grobas virxinal, as Devesas do Ameixedo e Bustelos, a carballeira de Portomartín, a silueta impoñente do Coco, a montaña agreste, a variedade da flora, a arquitectura popular, o pasado mineiro, a esencia do Candán...
Os pasais do Grobas están a medio camiño entre a pontella do Ameixedo e a desembocadura do Grobas no Deza. Por aquí no pasado  cruzaba un carreiro peonil que era o atallo máis curto entre Portomartín e Bustelos. Dar con este paso foi unha feliz casualidade. A imaxe é do mes de febreiro cando o Grobas baixaba gordo e oufano. É de supoñer que a primavera lle limaría tanta bravura e que nos permita unha feliz travesía.
 O Deza encaixado olla Portomartín no alto e a Devesa do Ameixedo ao fondo.
 Fungos de cores exuberantes e xelatinosas.
 Devesa de Bustelos

Érbedo solitario, como excepción que confirma a regra.

DATA: DOMINGO 13 DE ABRIL
Percorrido: 9 Kms.
Dificultade: Media.  Un tramo de medio quilómetro e o paso do Grobas polas poldras teñen algo máis de dicultade, por iso recomendamos bastóns. Levaremos dúas ou tres fouces.
SAÍDA: 8:45 horas
LUGAR: Estación de Autobuses
NOTA: Con esta rutiña, ademais do entreno, pretendemos abrir e difundir un novo camiño nesta zona que ao noso parecer é do mellor que se pode encontrar no concello de Lalín.
ANÓTATE AQUÍ

23/02/14

RUTA POLO PARQUE NATURAL DO INVERNADOIRO - 22 de marzo


 
www.turgalicia.es

Lección de montaña … non existen asentamentos humanos dentro dos límites d’O Invernadoiro. Todo é natureza. Así reza na descrición que Turgalicia fai deste espazo. Non é de estrañar pois que, logo das experiencias vividas, para algúns de nós as terras do macizo central ourensá estean a converterse nunha sorte de Meca pois invariablemente ano tras ano sentimos, cal devotos, a necesidade de peregrinar cara os seus cumios.
Así, desta vez, o 22 de marzo, sábado, encamiñámonos un chisquiño máis ao sur (SE) para penetrar no espazo natural do Invernadeiro, dominios do lobo, do xabarín, a garduña ou dos cervos. Do lobo ou cervos podemos dar fe algúns dos que por aquí andamos. Xa o ano pasado roldamos a carón dos seus límites administrativos cando fixemos a ruta pola serra de San Mamede. A área que imos patear desenvólvese integramente no concello de Vilariño de Conso, movéndonos en altitudes entre 1.000-1.600 m.

No parque atopamos cinco rutas (ver tríptico), das cales nós imos facer a Ruta da Ortiga. De quedar tempo e ganas despois dos 22 km temos a opción sumarlle algunha curtiña nas proximidades do centro de acollida do parque (v.g a Ruta do Depósito). Consultar tríptico
A ruta ascende pola zona sueste do espazo protexido dende unha cota de 930 m. na Aula da Natureza ata os 1496 m no alto da Ortiga, situado a 11 km do inicio, desde onde se contempla unha espectacular paisaxe do parque e da serra de Queixa e Manzaneda. O retorno faise pola devasa limítrofe do espazo, onde é posible atopar exemplares e sinais de diferentes especies de fauna. Tras un forte descenso, unha pista chaira leva a ata o inicio. 
http://www.rios-galegos.com
A foto pertence a Secundino Lorenzo, artífice da web www.rios-galegos.com, onde atopamos valiosa información sobre este e outros espazos naturais galegos.
O acceso ao parque está restrinxido, limitado a un número máximo de persoas diarias; no noso caso somos 19 as persoas autorizadas a visitar o parque no día da data.


 
Acceso: pola autovía A-52 ata Verín. Unha vez alí tomarase a estrada comarcal OU-113 en dirección a Laza para desviarse a 2,5 km ploa estrada OU-114 e chegar a Campobecerros, a 11 km do centro de acollida do parque. Máis de 160 km (cunha parte final moi lenta) desde Lalín que fan pensar na posibilidade de facer noite pola comarca.


 Para saber algo máis:
Os máis avezados poden descargar tamén a guía da flora do parque na web da CMATI. E os usuarios de smartphones dispoñen da app Parques Naturais de Galicia.

 

10/01/14

RUTA DE ENTRENO DE DADÍN AO CASTRO DE XURENZÁS




VER RUTA EN WIKILOC
Xa a última hora convocamos a esta rutiña de entreno para mañá sábado 11 de xaneiro polo concello de O Irixo (Ourense), a 19 Kms. de Lalín. Cremos que non ofrece ningunha dificultade especial e ten como puntos de interese o santuario e carballeira da Pena da Sela  e os castros Pedroso e Xurenzás.
A meteoroloxía parece propicia, sen precipitacións, cun ceo no que se abrirán progresivamente claros e temperaturas arredor dos 10º
Dificultade: media-baixa
Percorrido: 12,7 Kms.
Hora de saída: 9:00
Lugar: estación autobuses
Hora de regreso: 13.30 - 14:00
ANÓTATE AQUÍ