23/02/14

RUTA POLO PARQUE NATURAL DO INVERNADOIRO - 22 de marzo


 
www.turgalicia.es

Lección de montaña … non existen asentamentos humanos dentro dos límites d’O Invernadoiro. Todo é natureza. Así reza na descrición que Turgalicia fai deste espazo. Non é de estrañar pois que, logo das experiencias vividas, para algúns de nós as terras do macizo central ourensá estean a converterse nunha sorte de Meca pois invariablemente ano tras ano sentimos, cal devotos, a necesidade de peregrinar cara os seus cumios.
Así, desta vez, o 22 de marzo, sábado, encamiñámonos un chisquiño máis ao sur (SE) para penetrar no espazo natural do Invernadeiro, dominios do lobo, do xabarín, a garduña ou dos cervos. Do lobo ou cervos podemos dar fe algúns dos que por aquí andamos. Xa o ano pasado roldamos a carón dos seus límites administrativos cando fixemos a ruta pola serra de San Mamede. A área que imos patear desenvólvese integramente no concello de Vilariño de Conso, movéndonos en altitudes entre 1.000-1.600 m.

No parque atopamos cinco rutas (ver tríptico), das cales nós imos facer a Ruta da Ortiga. De quedar tempo e ganas despois dos 22 km temos a opción sumarlle algunha curtiña nas proximidades do centro de acollida do parque (v.g a Ruta do Depósito). Consultar tríptico
A ruta ascende pola zona sueste do espazo protexido dende unha cota de 930 m. na Aula da Natureza ata os 1496 m no alto da Ortiga, situado a 11 km do inicio, desde onde se contempla unha espectacular paisaxe do parque e da serra de Queixa e Manzaneda. O retorno faise pola devasa limítrofe do espazo, onde é posible atopar exemplares e sinais de diferentes especies de fauna. Tras un forte descenso, unha pista chaira leva a ata o inicio. 
http://www.rios-galegos.com
A foto pertence a Secundino Lorenzo, artífice da web www.rios-galegos.com, onde atopamos valiosa información sobre este e outros espazos naturais galegos.
O acceso ao parque está restrinxido, limitado a un número máximo de persoas diarias; no noso caso somos 19 as persoas autorizadas a visitar o parque no día da data.


 
Acceso: pola autovía A-52 ata Verín. Unha vez alí tomarase a estrada comarcal OU-113 en dirección a Laza para desviarse a 2,5 km ploa estrada OU-114 e chegar a Campobecerros, a 11 km do centro de acollida do parque. Máis de 160 km (cunha parte final moi lenta) desde Lalín que fan pensar na posibilidade de facer noite pola comarca.


 Para saber algo máis:
Os máis avezados poden descargar tamén a guía da flora do parque na web da CMATI. E os usuarios de smartphones dispoñen da app Parques Naturais de Galicia.