24/12/15

RUTA DE ANINOVO: CARBALLEIRAS DE MILLARADA E ACIVEDO (FORCAREI)

SÁBADO 2 DE XANEIRO: Celebrar o Aninovo!!!
ANÓTATE AQUÍ   ATENCIÓN: A ruta celebrarase aínda que pingue algo (se ves andar, ven preparado/a)
QUEN NON VEÑA XANTAR DEBE AVISAR OU BORRARSE ANTES DAS 24:00 do 2015 (xoves 31)
Ruta de dificultade baixa (11,2 Kms.) moi levadeira para a mañá. 
No xantar, ás 14:30, degustaremos a afamada e orixinal richada de  Forcarei en Casa Victoria (estiramos ata os 20€, pero é comida tradicional: fabas con costela e richada).  Chova ou neve, anden ou non, a Forcarei irán xantar os anotados (quedamos con Aurita e Cándido).
Saída: Estación de autobuses de Lalín  9:00
Punto de encontro: Café A Taberna de Cachafeiro (na estrada vella), ás 9:30
Puntos de interese:
Paisaxes de carballeira
Muíños
Área recreativa de A Freixeira
Pazo de Hermosende
Capela de San Antón de Garellas...

22/11/15

CONVOCATORIA DE RUTA Á PENA E SANTUARIO DO ANAMÃO NA SERRA DE LABOREIRO

SÁBADO 5 DE DECEMBRO
Ollo! Houbo cambios no itinerario (mellor perfil, máis lugares de ineterese).
Avisamos de que  o día vai estar algo frío e subimos ata 1271 m.

Esta ruta de 20,5 Kms percorre terras de España e Portugal. Parte de Entrimo, lugar de O Casal e adéntrase na serra de Laboreiro, enclavadas no Parque Nacional da Peneda Gerês.
Ao non ser unha ruta circular cómpre desprazarse desde o punto final ao punto de inicio. Para iso contamos cun microbús de 18 prazas que nos recollerá en Ameijoeira e nos volverá traer ata O Casal (o prezo: 40€).
Puntos de interese:
- Igrexa barroca de Santa María de Entrimo
- Paseo e área de lecer do río Pacín
- Aldeas de Vilar, Venceáns, Queguas
- Capela da Ascensión (lugar do xantar)
- As Cortes da Carballeira
- A Casa da Moura (dolmen)
- O Penedo do Anamão
- O santuario do Anamão
- A serra de Laboreiro e as súas formacións rochosas.
- O Curso dos río Covas e Barragem da Ameijoeira
- Aldea portuguesa de Ameijoeira
Saída: Estación de autobuses de Lalín
Hora: 7:30
Punto de encontro: No hotel restaurante BARCELONA na Feira Vella, na entrada de Entrimo (a 2 Kms de onde se desvía  a estrada que vai a Entrimo)     Hora:9:00
18:30 horas: Baño relaxante na piscina termal exterior do río Caldo. (Aconséllase levar bañador, toalla e clanclas).
Cea en restaurante Lusitano de Lobios ás 20:00 horas (15 €)
Estaremos pendentes das previsións meteorolóxicas e informaremos.
Capela da Ascensión nas Cortes da Carballeira
Casa da Moura e O Penedo de Anamão ao fondo.
 Perfís da Serra de Laboreiro

 Na serra de Queguas, a máis de 1.000 metros de altitude
 Penedo do Anamão
 Promontorio rochoso da Pena do Anamão




Capela da Nosa Señora do Anamão, na freguesía de Catro Laboreiro, concello de Melgaço.
 Púlpito rochoso á beira do santuario.
 Acastelamento rochoso
Barragem no río Covas

15/10/15

OUTONO NO COUREL

SECEDA - SOBREDO - VALDOMIR - LOUSADELA
Sábado 31 de outubro  (Aconsellamos levar un chubasqueiro)
ANÓTATE AQUÍ
VER RUTA EN WIKILOC
Ninguén dubida de que no Courel reside a reserva botánica de Galicia. Ademais da súa orografía espectacular, os seus bosques caducifolios, a arquitectura das súas aldeas, os ríos que percorren os seus vales encaixados e ríspidos, a auga que baixa apurada das empinadas montañas descolgándose en sonoras pincheiras ... son atractivos suficientes para volver a este particular edén lucense. E máis nestas datas nas que o outono decora as paisaxes con ourilocentes cores.
21,3 Kms de percorrido ( 20 Kms. para quen queira prescindir do castro da Torre en Sobredo). Tamén existe a posibilidade de facer a ruta 4 quilómetros máis curta, rematando o itinerario ao chegar a Lousadela. Neste último caso obrigaría a esperar unha hora e pico nesta aldea para ser recollidos polos vehículos que despracemos.
Dificultade: media-alta
Hora de saída : 7:30
Lugar: Estación de autobuses
Punto de encontro: Bar Paradis de O Incio (no centro do pobo), ás 9:00
Cea no restaurante A Palloza de Monforte, ás 20:00 horas. Prezo: 15 €
PUNTOS DE INTERESE:
Antes de empezarmos a camiñar deterémonos para visitar a interesantísima igrexa de San Fiz de Hospital (O Incio).
Aldea medieval de Seceda (con A Seara, e Froxán, as tres aldeas máis sobranceiras de O Courel).




Alto de Veiga de Arcas (amplas panorámicas sobre a serra)
Castro da Torre (Sobredo)
Aldea de Sobredo coa capela de San Miguel. Nesta aldea, no século VIII, os monxes de Samos deron refuxio (nun antigo priorato) ao futuro rei asturiano Alfonso II O Casto.
Cuso do Lor
Ponte de Sudrios e desembocadura do Lóuzara no Lor.
Curso do Lóuzara
Pincheira do Carrozo da Freita

Numerosas alvarizas en todo o percorrido (evidenciando a enorme riqueza apícola, antiga e actual, de O Courel).


Ponte da Veiga, no Lóuzara
Antiga ferrería de Lousadela

Soutos de Seceda


14/10/15

O FERMOSO TRAMO DE RUTA ENTRE LOUSADELA E SECEDA

 A ruta do vindeiro día 31 é moi diversa en paisaxes, como o propio Courel, con grandes contrastes entre as montañas elevadas e escarpadas, con vexetación baixa de matogueiras e a feracidade dos vales, onde a presenza de cursos fluviais é unha constante. Os contrastes da vexetación repítense nas ladeiras sollías e nas aveseiras.
Nesta ruta circular Seceda - Sobredo - Valdomir - Lousadela - Seceda hai tramos ou puntos que destacan especialmente sobre o resto: a propia aldea de Seceda cunha arquitectura restaurada admirable, o castro da Torre en Sobredo, o souto de Sobredo, o curso do río Lóuzara, as decenas de alvarizas. Pero sobre todo, o treito entre Lousadela e Seceda, subindo parellos ao regato que baixa de Seceda. Dese treito, non encontrado en Wikiloc e trazado polo Google Earth, son as imaxes seguintes (tomadas pola Voz de Galicia hai dous anos):
Reboleira de Lousadela:
No Lameiro:
A ponte das Reboleiras:
Ponte das Reboleiras:
Fonte da Costa:
Preto dos prados de Chas:
Souto de Seceda:
Enorme valado (2,5 metros de altura) da Horta da Torre:
Chegada a Seceda para admirar rúas e arquitectura. Na imaxe, unha rúa empedrada á chapacuña, ao xeito tradicional.
Casa Calellón de Seceda:

15/09/15

RUTA A SAN ANDRÉS DE TEIXIDO E SERRA DA CAPELADA

SÁBADO 26 DE SETEMBRO
( A San Andrés de Teixido procura ir de vivo)
  VER RUTA  EN WIKILOC  


Os camiñantes de Érbedo gozamos o 26 de setembro  dunha espléndida xornada de sendeirismo percorrendo A Serra da Capelada e  coa visita ao célebre santuario de San Andrés de Teixido. A brétema coroou durante todo o día a Garita da Herbeira, engandido misterio ao lugar e impedindo a visión dos impresionates cantís que alí se erguen. Abeirados nas rochas, protexidos das ventisqueiras no nordés, demos xantado e albiscado intermitentemente a fermosura da serra precipitándose sobre o azul atlántico. San Andrés e o seu santuario estaban alí abaixo agardándonos, pero antes houbemos de pasar por Teixedelo, polo memorial de Leslie Howard e o cruceiro. Desde alí, seguindo a cachos o camiño vello, descendemos a Teixido por un bosque frondoso e antigo. Xa na chaira que antecede  á aldea, unha zona lacustre de gran beleza sorprendeunos agradablemente. Quedaba o santuario e o poboado, entre a algarabía dos peregrinos e visitantes e a empinada ascensión  ao Chan do Monte. En Cedeira, puidemos saborear as augas da Madalena e as cervexas da praza. En Vilarrube, na Taberna do Puntal,  unha opípara cea, como de costume, onde o mellor prato sempre é a boa camaradería. O retorno aos domicilios, nocturno e longo. Así é o sendeirismo.
Un dos grandes atractivos das rutas sempre son as reportaxes gráficas do compañeiro Manuel Ferreiro. Velaquí as ligamos, despois de ser saboreadas no Facebook ou nos e-mails:



19/08/15

RUTA CIRCULAR DO RIO DONSAL-PARQUE DOS ANCARES

“Os Ancares no verao: tradición obriga!!” (ruta APRAZADA)
DOMINGO 30 de Agosto de 2015 
ANÓTATE AQUÍ (ollo: ADIADA POLO MAL TEMPO)
A previsión de tormentas en Navia (chove con forza a partir das 15:00 horas) fai que apracemos a ruta. 
Porque non convén esquecer os bos costumes, para despedir agosto tripando terróns e en camaradería, volvemos a vista cara aos nosos vellos coñecidos, os Ancares. Desta volta non subiremos aos cumios como facemos cada ano (realmente xa os acadamos todos), senón que nos perderemos pola morna feitura dos vales que trazan dous regatos (río Donsal e río Ser) e patearemos montes máis baixos pero non menos fermosos. Logo, iso si, acabaremos a ruta como viña sendo tradicional anos atrás cunha troitada/churrascada na Pobra, á beira do río Navia entre risos e contos. 
Non podes perdela!!!


VER RUTA 1 EN WIKILOC                                                                                                   
Un recanto remoto que nos reconcilia cos sendeiros da terraRuta 1: Circular do río Donsal: 16 kmE complemento voluntario: Ruta 2: Salvaxe do río Ser: 4 kmTrátase dunha das rutas máis bonitas existentes no concello de Becerreá, dentro do futuro Parque Natural dos Ancares, na que se poden contemplar fermosas paisaxes e, sobre todo, excepcionais bosques autóctonos de grande valor ecolóxico (carballos rebolos, albares, capudres, acebos, teixos, etc.), botando tamén unha ollada a moitos elementos etnográficos como muiños, minicentrais eléctricas, ouriceiras, construcións típicas, semieiras, antigas minas, etc, e visitando un bo número de vilas e vilares da zona. 
          
É de destacar tamén que máis do 70% da ruta transcorre por zonas de sombra e vegetación autóctona de castiñeiros, carballos e outras especies. (información tirada da ruta en Wikiloc, autor: Ghaillic).

Programa:
8:00:  saída da Estación de Autobuses de Lalín.
9:20:  reunión  e café no clásico Fonte da Salud (saída 461 da autovía) .
10:30: chegada ao lugar da Cabana e inicio da Ruta 1 (16 km).
            xantar no percorrido (segundo antollo).
18:30: remate da Ruta 1 e descanso na Pobra, ou Ruta 2 (4 km).
20:30: Cea na Pobra de Navia, á beira do río.
22:30: Regreso.
INFORMACIÓNS:  
 Son soamente 16 + 4 km con dificultade media, por ser montaña baixa (andaremos entre os 350 e os 600 m de altitude), pero convén ollar o perfil.  
Non parece dura, comparada coas de montaña pasadas, e a distancia é asequíbel.
Quen desexe completar, pode facer a Ruta Salvaxe do río Ser (4 km, ida e volta polo mesmo trazado).
Levar equipamento básico (calzado de montaña, bastóns, sombreiro, protector solar), auga e comida.
 CEA: Troitada tradicional no bar H3, en Navia.