27/06/17

RUTA DAS INSUAS DO MIÑO - OUTEIRO DE REI

SÁBADO 8 DE XULLO DE 2017
VER RUTA EN WIKILOC
ANÓTATE AQUÍ
Obsérvese o perfil da ruta. É certamente enganoso, parece que houbese algunhas montañas. Agora se se miran a cota máxima e a mínima, compréndese a facilidade do percorrido: cota máxima 412 metros - cota mínima 373 metros. Pendente media 2%, incriblemente baixa. É que estamos na Terra Chá.
Ofrecemos hoxe a posibilidade de realizar unha ruta atractiva, diferente, refrescante e suave a carón do río Miño, desde a área recreativa de Santa Isabel (Outeiro de Rei) ata a ponte de Ombreiro. Ida e volta por ambas marxes do Miño. Ao longo de 17,85 kms. de suave pendente percorreremos as ribeiras e insuas do Miño, espazo que conta coa distinción de Reserva da Biosfera. Bosques de galería, muíños, caneiros, a desembocadura do Ladra, pontes colgantes, insuas frondosas, o zoolóxico de Marcelle, a Casa Museo do poeta Manuel María e as míticas Penas de Rodas. 
Puntos de interese da ruta:
Ruta literaria do poeta da Terra Chá, Manuel María.
INSUAS DO MIÑO (Vídeo)
PONTE COLGANTE E INSUA DE SEIVANE (Vídeo)
CAMPO DE SANTA ISABEL (Vídeo)
Como as ondas do Miño, o río maior,
así, miña amiga, é o meu amor
lonxe de ti.

Como as ondas do Miño, o río caudal,
así, miña amiga, meu amor é leal
lonxe de ti.

Como as ondas do Miño, de paso de boi,
así o meu amor, que veu e non se foi
lonxe de ti.

Como as ondas do Miño, o río  belido,
así, miña amiga, así vou ferido
lonxe de ti.                                                                       Manuel María

ERMIDA DE SANTA ISABEL
A Santa Isabel, miña amiga, irei.
A Santa Isabel de Outeiro de Rei.
Está meu camiño
xunto ao río Miño.

Como un caravel de certo color
a Santa Isabel irá o meu amor
Está meu camiño
xunto ao río Miño.

As verbas de dor voltaranse mel
na alta alegría de Santa Isabel.
Está meu camiño
xunto ao río Miño.                                                  Manuel María

MUÍÑO DE SANTA ISABEL (Vídeo)
O muíño que está ao pé do Miño,
enorme como un monte, seguro
e lento como o tempo, garda
un segredo nunca revelado:
non son os seus rodicios
os que fan cantar á auga escura
e prisioneira do caneiro.
A canción da auga é quen
move aos rodicios e lles dá
un prodixioso ritmo máxico:
medida e número do mundo,
harmonía e cómputo dos astros.                                    Manuel María

CANEIRO DO PIAGO

CASA MUSEO DE MANUEL MARÍA (Vídeo)

PENAS DE RODAS (Vídeo)

Saída da estación de autobuses de Lalín: 8:00 h.
Punto de encontro: Outeiro de Rei, restaurante Soborvila, N-VI (ao lado da residencia de anciáns). 9:00 - 9:15 horas
Dificultade: Fácil
Percorrido: 17,85 Kms.
O xantar farémolo en Ombreiro, onde hai un restaurante e un bar.
Cea en Lugo: 21:00, O Petisco, Rúa Nova,3. (1º: setas con gambas ou luras. 2º: grellada de carne con ensalada; postre, pan, bebida, café e licor: 18€)