01/08/20

HOSPITAL DO INCIO - RUTA DO FERRO - A FERRERÍA - SANTA MARIÑA - TRASCASTRO

SÁBADO 8 DE AGOSTO DE 2020

Esta ruta de media montaña, nas "Terras Bravas do Incio" (segundo terminoloxía de Ánxel Fole), transcorre por un territorio rico en carballeiras e soutos, vales encaixados e lombas uceiras que miran ao Courel. No pasado esta zona tivo unha intensa actividade na extracción e fundición do ferro. A mina da Veneira de Roques foi unha das principais da provincia de Lugo.
O balneario da Ferrería tamén tivo a súa época de esplendor. Na actualidade, o fracaso dunha restauración, deixou o edificio á espera dalgún emprendedor que o resucite.












PUNTOS DE INTERESE:
-A magnífica igrexa de San Pedro Fiz do Hospital
- Ruta do Ferro 
- Balneario da Ferrería
-Aldeas da Ferrería, Santa Mariña, Trascastro....
-Ríos Cabe, Antiga...
- Paisaxes de montaña.
DATOS DA RUTA.
-Percorrido: 21 Kms
-Dificultade: media
-Punto de encontro (determinarémolo nos vindeiros días e buscarémolo no Incio).
- Buscaremos lugar para unha cea de amizade.
- Saída de Lalín: Estación de autobuses de Lalín, 8:00 horas


17/06/20

Ruta polo corazón da RIBEIRA SACRA: A Cubela e Val de Tronceda

SÁBADO 27 DE XUÑO DE 2020
VER RUTA 1  EN WIKILOC
VER RUTA 2 EN WIKILOC
ANÓTATE AQUÍ

DIFICULTADE: media (mañá), media alta (mañá e tarde)
24 km (15 pola mañá, 9 pola tarde).

DESCRICIÓN:
Iniciaremos a ruta en Torbeo, terra alta e antiga capital do concello de Ribas de Sil, Lugo, cunha igrexa románica do século XII (Santa María), un pasado moi ligado aos guerrilleiros resistentes á Ditadura franquista e de onde era orixinaria a sonada Meiga de Torbeo (Filomena Arias). Baixaremos cara á Cubela (preciosa aldea recuperada, con escasos habitantes) por unha senda abrupta e coa Pena Furada para que pasasen os carros de vacas como elemento destacado, ademais da espectacular vista do meandro d´A Cubela. Aí visitaremos Cubeland, onde podemos tomar unhas infusión naturais.
Seguiremos o sendeiro á beira do río Sil entre a Cubela e o Castro de Abaixo vendo do outro lado os viñedos de Trasmonte e Vilachá, onde se sitúan as sonadas adegas vellas. Na aldea de Castro de Abaixo empeza a subida, entre frondosos soutos centenarios, a Torbeo. Por alí, nos arredores ou ben na cantina, xantaremos.
Xa pola tarde (os que non sigan andando irán cos coches a Vilarellos e iniciarán a ruta ao revés) faremos o descoñecido camiño que cruza á provincia de Ourense e nos levará a Tronceda, aldea repoboada que dá nome a un fragoso e agreste val onde se refuxiaban os guerrilleiros na Posguerra. Tras visitar Tronceda, e catar a cervexa artesá, se podemos, iremos por un sendeiro vello ata o corazón do val. Descenderemos ata a abandonada ermida de Santiago e iniciaremos a subida final, entre viñedos e castiñeiros, ata Vilarellos, aldea cunha soberbia vista ao agochado val.
Para completar a xornada, achegarémonos en coche e nun paseo ata a Cova do Mario (Mario de Langullo, alias o Pinche, o lendario guerrilleiro que resistiu agochado ata 1968), cataremos as vistas do Sil desde as Penas de Matacáns (con mirador incluído), e chegaremos en coche ata A Abeleda, onde faremos unha merenda cea na terraza rural.

O PLAN
-Saída de Lalín ás 7:00
-Lalín-Castro Caldelas por Ourense (AP53 +N120): 1h20´
-Café-Xuntanza ás 8.30 na Praza principal de Castro Caldelas.
-Castro Caldelas (Vilarellos) Torbeo: 30´ (levaremos varios coches a Vilarellos)
En Torbeo ás 9:00 (os que saian aquí, ir á Porteleira d´Emilia)
Ruta da mañá: Torbeo-A Cubela-Castro de Abaixo-Torbeo (circular):
-Saída de Torbeo: 09:15
            -15 km
            -5 horas (9:30 a 14:30)
Xantar campestre por Torbeo (Cantina?)
Ruta da tarde: Torbeo-Tronceda-Vilarellos (linear):
                -Saída de Torbeo: 15:30
    -9 km
                -3 horas (15:30 a 19:30)
Complemento: visita á Cova do Mario de Langullo (3 km) e Penas de Matacáns (co mirador)
Merenda/cea en exterior: Mesón Casa Lelo (A Abeleda)


 Enlaces a Filomena Arias, a Meiga de Torbeo:



01/02/20

RUTA VAL GLACIAR DE PRADA E CURROS DE MANZANEDA

SÁBADO 22 DE FEBREIRO DE 2020
VER RUTA EN WIKILOC 
ANÓTATE AQUÍ
Partiremos da aldea de Requeixo (Manzaneda) e ascenderemos polo val do río Requeixo ata a aldea abandonada de Prada. Este val e as montañas que o rodean foron conformados por un glaciar en épocas pretéritas. O circo glaciar, as morrenas e os bloques arrastrados son aspectos facilmente observables. Vexetación autóctona de montaña, etnografía e a nostalxia, misterio e maxia que sempre envolven as aldeas abandonadas.








OS CURROS DA SERRA DE MANZANEDA
Outro elemento de moito interese etnográfico son os curros da serra.
O pastoreo de cabras e ovellas (e en tempos máis remotos de vacas e cabalos) é unha das actividades económicas que se veu practicando nas aldeas que bordean as serras ourensás, sobre todo nos macizos de Manzaneda, de Trevinca, das Serras do Xurés e do Suído. Os curros son espazos terreos ao aire libre, rodeados de muros, coa finalidade de servir de refuxio durante a noite a pastores e animais. Emprázanse en lugares protexidos do norte para resgardarse mellor da chuvia, do vento e das xeadas, e procúrase que ese emprazamento teña auga próxima, que se sitúe en valgadas cunha certa pendente para así facilitar o corremento da auga e dos excrementos dos animais para fóra do recinto, así como o máis achegado posible a murallas rochosas. A forma predominante é a rectangular curvada e, en casos, semicircular ou combinadas as dúas configuracións. Construtivamente, os muros que circundan o recinto do curro están realizados con cachotería de granito ou de xisto en seco, dunha altura que oscila entre 1,70 e 2 m e un grosor de 0,90 m; a súa superficie abrangue entre os 250 m2 e os 750 m2. Na parte baixa do muro hai varios vans: un grande, para o acceso do pastor que se atranca de noite cunha cancela de táboas, e varios máis pequenos a rentes do chan chamados gateiras, de 70 x 70 cm, que serven de entrada e saída dos animais, vans que se pechan tamén de noite con sólidos bloques de pedra. Para completar a defensa do recinto, sobre todo do ataque dos lobos, coróase o muro con feixes de pólas de breixo que, ao secar os seus extremos, convértense en afiadas puntas que impiden o posible acceso dos daniños lobos ou a saída dos animais do rabaño ao exterior. Na parte máis alta do recinto había unha pequena edificación que servía para descanso do pastor e para gardar os alimentos e outros enseres que puidera necesitar. 
Cada parroquia posuía un ou dous curros e, segundo a época do ano, o pastor contratado polos veciños subía aos pastos cos rabaños de cabras e ovellas para alimentalos e estar coidando deles dende xuño a setembro. Neste caso contaba cun axudante, o costeiro, que lle axudaba ao pastoreo na serra e se ocupaba de ir á aldea na procura da mantenza, o tempo que fora preciso en función do grandor do rabaño. O pastor, ademais da mantenza, percibía en diñeiro o que se houbera acordado coa comunidade veciñal. Este considerábase o verdadeiro pastoreo das serras nos lugares onde se atopan os curros, lugares nos que o pastor coñecía moi ben a topografía, a flora e a fauna, dada a longa estadía que permanece neles. Había un sistema máis sinxelo de pastoreo, denominado das veceiras, no que o pastor contratado pola comunidade aldeán, chamado pegureiro, recollía pola mañá cedo os animais e levábaos para a serra ata a anoitecida en que retornaba con eles á aldea. 
No ano 2000 foron catalogados en Manzaneda 23 curros, deles, 18 estaban abandonados e 5 en uso.




Despois da ruta, se aínda quedase suficiente luz, temos intención de visitar o Castiñeiro de Pumbariños no Souto de Rozavales. Tamén o exterior do Pazo da Peneda. E dar un pequeno paseo para contemplar algúns lenzos e portas da muralla do burgo medieval de Manzaneda.

Percorrido: 18,4 Kms
Dificultade: Media-Alta
Saída de Lalín: Estación de autobuses
Hora: 7:00
Punto de encontro: Bar Quintela, no centro da Pobra de Trives (baixos da Pensión Baloira) Hora: 8:45 - 9:00
Cea: Casa Agenor. A Cova (Pobra de Trives), a 7,5 Kms da capital municipal. Manú: Entrantes de chourizo, xamón, chourizo. 1º Prato: cazola de filetes de lombo con patacas, 2º Prato: Cazola de Troitas con pementos. Sobremesas, Bebidas, café. Prezo: 14 €   Hora : 20:30