01/02/20

RUTA VAL GLACIAR DE PRADA E CURROS DE MANZANEDA

SÁBADO 22 DE FEBREIRO DE 2020
VER RUTA EN WIKILOC 
ANÓTATE AQUÍ
Partiremos da aldea de Requeixo (Manzaneda) e ascenderemos polo val do río Requeixo ata a aldea abandonada de Prada. Este val e as montañas que o rodean foron conformados por un glaciar en épocas pretéritas. O circo glaciar, as morrenas e os bloques arrastrados son aspectos facilmente observables. Vexetación autóctona de montaña, etnografía e a nostalxia, misterio e maxia que sempre envolven as aldeas abandonadas.








OS CURROS DA SERRA DE MANZANEDA
Outro elemento de moito interese etnográfico son os curros da serra.
O pastoreo de cabras e ovellas (e en tempos máis remotos de vacas e cabalos) é unha das actividades económicas que se veu practicando nas aldeas que bordean as serras ourensás, sobre todo nos macizos de Manzaneda, de Trevinca, das Serras do Xurés e do Suído. Os curros son espazos terreos ao aire libre, rodeados de muros, coa finalidade de servir de refuxio durante a noite a pastores e animais. Emprázanse en lugares protexidos do norte para resgardarse mellor da chuvia, do vento e das xeadas, e procúrase que ese emprazamento teña auga próxima, que se sitúe en valgadas cunha certa pendente para así facilitar o corremento da auga e dos excrementos dos animais para fóra do recinto, así como o máis achegado posible a murallas rochosas. A forma predominante é a rectangular curvada e, en casos, semicircular ou combinadas as dúas configuracións. Construtivamente, os muros que circundan o recinto do curro están realizados con cachotería de granito ou de xisto en seco, dunha altura que oscila entre 1,70 e 2 m e un grosor de 0,90 m; a súa superficie abrangue entre os 250 m2 e os 750 m2. Na parte baixa do muro hai varios vans: un grande, para o acceso do pastor que se atranca de noite cunha cancela de táboas, e varios máis pequenos a rentes do chan chamados gateiras, de 70 x 70 cm, que serven de entrada e saída dos animais, vans que se pechan tamén de noite con sólidos bloques de pedra. Para completar a defensa do recinto, sobre todo do ataque dos lobos, coróase o muro con feixes de pólas de breixo que, ao secar os seus extremos, convértense en afiadas puntas que impiden o posible acceso dos daniños lobos ou a saída dos animais do rabaño ao exterior. Na parte máis alta do recinto había unha pequena edificación que servía para descanso do pastor e para gardar os alimentos e outros enseres que puidera necesitar. 
Cada parroquia posuía un ou dous curros e, segundo a época do ano, o pastor contratado polos veciños subía aos pastos cos rabaños de cabras e ovellas para alimentalos e estar coidando deles dende xuño a setembro. Neste caso contaba cun axudante, o costeiro, que lle axudaba ao pastoreo na serra e se ocupaba de ir á aldea na procura da mantenza, o tempo que fora preciso en función do grandor do rabaño. O pastor, ademais da mantenza, percibía en diñeiro o que se houbera acordado coa comunidade veciñal. Este considerábase o verdadeiro pastoreo das serras nos lugares onde se atopan os curros, lugares nos que o pastor coñecía moi ben a topografía, a flora e a fauna, dada a longa estadía que permanece neles. Había un sistema máis sinxelo de pastoreo, denominado das veceiras, no que o pastor contratado pola comunidade aldeán, chamado pegureiro, recollía pola mañá cedo os animais e levábaos para a serra ata a anoitecida en que retornaba con eles á aldea. 
No ano 2000 foron catalogados en Manzaneda 23 curros, deles, 18 estaban abandonados e 5 en uso.




Despois da ruta, se aínda quedase suficiente luz, temos intención de visitar o Castiñeiro de Pumbariños no Souto de Rozavales. Tamén o exterior do Pazo da Peneda. E dar un pequeno paseo para contemplar algúns lenzos e portas da muralla do burgo medieval de Manzaneda.

Percorrido: 18,4 Kms
Dificultade: Media-Alta
Saída de Lalín: Estación de autobuses
Hora: 7:00
Punto de encontro: Bar Quintela, no centro da Pobra de Trives (baixos da Pensión Baloira) Hora: 8:45 - 9:00
Cea: Casa Agenor. A Cova (Pobra de Trives), a 7,5 Kms da capital municipal. Manú: Entrantes de chourizo, xamón, chourizo. 1º Prato: cazola de filetes de lombo con patacas, 2º Prato: Cazola de Troitas con pementos. Sobremesas, Bebidas, café. Prezo: 14 €   Hora : 20:30